A Deputación de Pontevedra súmase ao paro de 4 minutos e 15 segundos en protesta polo récord de contaminación atmosférica do pasado mes abril

O Pleno provincial recoñece, por unanimidade, a situación de emerxencia climática e comprométese na defensa dos obxectivos internacionais cara a unha economía descarbonizada
Publicado por o día 27/09/2019 na sección de Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra súmase ao paro de 4 minutos e 15 segundos en protesta polo récord de contaminación atmosférica do pasado mes abril

A Deputación de Pontevedra parou hoxe durante 4 minutos e 15 segundos en apoio ás mobilizacións en todo o mundo en protesta polo récord de contaminación alcanzado na atmosfera terrestre o pasado mes de abril, cando se chegaron a rexistrar 415 partes por millón de CO2, niveis que non se tiñan producido dende hai 3 millóns de anos.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, encabezou un paro no que estivo acompañada polos deputados dos tres grupos políticos integrantes da Corporación provincial e de persoal da institución. Durante o acto apagáronse tamén as luces do Pazo Provincial.

Durante a sesión plenaria celebrada inmediatamente despois aprobouse, por unanimidade, unha moción presentada polo grupo provincial socialista pola que a Deputación comprométese a aprobar os compromisos políticos internacionais para acadar un balance cero de emisións de carbono nos próximos anos, co progresivo abandono dos combustibles fósiles “como única resposta posible para evitar un colapso de todos os sistemas naturais, incluído o humano”. O acordo inclúe tamén o apoio á economía local e de proximidade, así como a axuda aos municipios no proceso de adaptación ao cambio.

Na defensa da moción, a deputada Iria Lamas destacou que non podemos quedar de brazos cruzados porque non estamos diante dun problema da ONU ou da OMS, senón de todos  nós e destacou que os efectos do cambio climático serán tamén locais, pois a subida dun só centímetro no nivel do mar implica a perda de moitos metros de praias en toda a provincia. “O Grove chegará a ser unha illa”, exemplificou, ao tempo que alertou sobre a posible desaparición do marisqueo, a chegada de especies tropicais aos nosos mares e a proliferación de invasoras no territorio.

Falou tamén do grave problema do plástico, que non só contamina os mares senón que xa está a afectar á saúde humana ao terse incorporado á cadea trófica. Mil millóns novos obxectos de plástico chegará ao mar antes do 2020, lembrou.

A súa intervención rematou cun recordatorio dos efectos da contaminación atmosférica, que causa 7 millóns de mortes ao ano no mundo e provoca xa 15 veces máis mortes que os accidentes de tráfico.

A Deputación de Pontevedra está a dedicar toda esta semana á Semana Mundial de Acción polo Clima con accións diarias que lembran dende a importancia do coidado dos ecosistemas ao consumo dos produtos locais, pasando polo turismo sostible ou a redución dos residuos.

Comentar noticia

Your email address will not be published.