A Deputación de Pontevedra súmase este sábado á “hora do planeta” apagando a luz dos seus edificios

A institución provincial apoia así esta iniciativa simbólica en todo o mundo contra o cambio climático e en favor da natureza
Publicado por o día 29/03/2019 na sección de Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra súmase este sábado á “hora do planeta” apagando a luz dos seus edificios

A Deputación de Pontevedra súmase este sábado 30 de marzo, entre 20:30 e 21:30 horas, á “Hora do Planeta”, apagando as luces de todos os seus edificios e sedes. O Goberno provincial apoia así esta iniciativa da ONG de protección da natureza WWF pola que milleiros de cidades, institucións e persoas de todo o mundo demostrarán o apoio global á acción conxunta contra o cambio climático e en favor da natureza.

En concreto, a Deputación de Pontevedra apagará as luces, en Pontevedra, do Pazo provincial, do Edificio Administrativo, da sede de Turismo Rías Baixas (Palacete das Mendoza) e, na medida do posible, das instalacións do Museo Provincial. Na cidade de Vigo tamén se apagarán as luces da sede da Deputación, na rúa Oporto.

A “Hora do Planeta” serve para demostrar que a todas e todos nos importa o planeta e de que xuntas e xuntos somos parte da solución ao cambio climático e á loita pola conservación da natureza. O obxectivo é actuar agora en conxunto para que non se poña en perigo a nosa calidade de vida e a das xeracións futuras.