A Deputación dignifica o polígono empresarial de Cuntis e crea as condicións para o seu crecemento e a chegada de novas empresas

Carmela Silva: “As Administracións estamos para que os concellos teñan oportunidades de desenvolverse, crear riqueza e, o máis importante, xerar postos de traballo”
Publicado por o día 12/12/2020 na sección de Deputación de Pontevedra

A Deputación dignifica o polígono empresarial de Cuntis e crea as condicións para o seu crecemento e a chegada de novas empresas

O polígono industrial da Ran, en Cuntis, loce unha nova cara e afronta un futuro ilusionante tralas obras realizadas na súa rúa central ao abeiro do Plan de Mellora da Seguridade en Vías Municipais (DepoRemse) da Deputación de Pontevedra. As obras, valoradas en 611.458 euros e financiadas ao 100% pola institución provincial ao incluír tamén achegas do Plan Concellos, foron inauguradas hoxe pola presidenta, Carmela Silva; o alcalde, Manuel Campos; o delegado da Zona Franca de Vigo, David Regades; a delegada de Suelo Industrial del Atlántico (SEA), Beatriz Sestayo, acompañados/as do empresariado local.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, tras unha visita a unha obra que abrangue unha área de máis de 23.000 metros cadrados ao longo dunha recta que supera os 1,3 Km comunicando a N-640 coa estrada autonómica PO-220 (Cuntis-Valga), lembrou que as Administracións públicas están para mellorar a vida da xente e amosou a súa satisfacción de que a provincia de Pontevedra “estea ocupada por carteis e máis carteis da Deputación, mentres que outras Administración prefiren espazos de propaganda”. “As Administracións estamos para que os concellos teñan oportunidades de crecer, crear actividade económica e, o máis importante, xerar emprego”. Ao seu xuízo a cidadanía está “farta de palabras e reclama feitos como os que a Deputación e o Concello de Cuntis veñen de demostrar”. Ao seu xuízo, “era intolerable que o polígono da Ran tivera un camiño como único acceso; alguén debería estar dando respostas por non ter tomado decisións antes, porque aquí hai empresas moi relevantes e máis que vai haber moi pronto”.

Silva, que destacou que o polígono xa acolle actualmente 13 empresas e a máis de 200 traballadores e traballadoras, pediu á cidadanía de Cuntis que non esqueza “como era isto antes“ para ter en conta quen aposta por “transformar a provincia, por crear oportunidades”. “ Así é como se combate a sangría poboacional no rural e a crise económica“, remarcou. A presidenta “confesou” que o alcalde de Cuntis comezou a falarlle da necesidade de dignificar o polígono industrial “un día antes de que eu tomara posesión como presidenta da Deputación, pero así é un bo alcalde, un alcalde como Manuel Campos, que ten, ademais, o mérito de contar cun Goberno local eficiente e no que hai mulleres potentísimas”.

Manuel Campos agradeceu a obra á Deputación e, persoalmente, tanto á presidenta como ao ex-deputado de Cooperación, David Regades. Fixo, ademais, mención expresa ao apoio das comunidades de montes e do empresariado local. “Estamos diante dunha obra importantísima, cun investimento da Deputación que fixo posible que vivamos un antes e un despois. “O Goberno da Comunidade Autónoma decidiu botarse a un lado e non participar e a partir de aí comezou un traballo coa SEPES e a Deputación, que en 2018 concedeunos a subvención que nos permitiu chegar a onde estamos”. “O resultado é excelente e está á vista”, recalcou. Os investimentos da Deputación no medio rural son primordiais para que a xente continúe nos pobos e esta inversión é un exemplo de retorno claro, en forma de postos de traballo, explicou. Campos anunciou que comeza agora unha nova etapa, sempre da man da Deputación, Zona Franca e SEPES para o desenvolvemento da primeira fase do polígono. “Queda moito traballo, non hai tempo que perder, porque as empresas , se nós non investimos aquí, marchan a outros polígonos ou a outros países.

David Regades, pola súa banda, apuntou que todos/as lembrámonos “daquel camiño que había aquí e hoxe temos unha gran recta que parece unha pista de aterraxe para os avións, pero que tamén coida aos peóns”. “Hai un antes e un despois para Cuntis dende a chegada de Manuel Campos á Alcaldía”, recalcou. Regades anunciou, finalmente, que a Zona Franca de Vigo “chegará a Cuntis porque este alcalde convence con feitos e por iso mesmo está tamén aquí a xerente doutra entidade estatal, como Solo Industrial do Atlántico”.

As obras do polígono da Ran abrangueron un ámbito de actuación de máis de 23.000 metros cadrados, dos que uns 4.000 corresponden ás novas beirarrúas e uns 3.000 ás novas sendas peonís de xabre. Deste xeito, a longa rúa central do polígono, que é unha recta de 1.320 metros, queda en perfectas condicións. Aquela vía mal conservada e cun perigoso estreitamento na zona próxima á estrada autonómica pasou á historia. As vellas beirarrúas, que estaban rotas ou reducidas a unha simple base de cemento, foron substituídas por espazos peonís de formigón coloreado e dous metros de anchura. A velocidade de circulación está limitada pola sinalización vertical e horizontal, así como por sete pasos de cebra sobreelevados e dous elementos redutores de velocidade. A maiores solucionáronse as deficiencias nos servizos, pois instaláronse novos colectores de subministro de auga, recollida de augas residuais, novas tubaxes para pluviais, así como a instalación para o subministro eléctrico, subministro ao alumeado público e a preinstalación para redes de datos.

Comentar noticia

Your email address will not be published.