“A economía circular: unha oportunidade para as empresas” é o título da webinar que organizan a Rede de Viveiros da Fundación Incyde e a Deputación de Pontevedra, a través dos viveiros de empresas de Barro e Lalín, e que impartirá o vindeiro mércores 27 de xaneiro a experta Dinnorah Suárez Lesmes. A charla virtual, que se desenvolverá entre as 19 e as 21 horas vía streaming, está dirixida a viveiristas, empresas, profesionais, persoas emprendedoras e ao público interesado, que poden inscribirse xa a través do formulario dispoñible na web da institución provincial (www.depo.gal).
Nesta webinar, Suárez Lesmes amosará ás persoas asistentes que afrontar a activación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) e a circularidade é todo un reto, pero tamén unha oportunidade para mellorar a reputación da empresa e o equilibrio social, económico e ambiental. A charla incidirá en que a economía circular debe formar parte fundamental do desenvolvemento empresarial desde o primeiro momento, desde a concepción da idea. O obxectivo desta iniciativa é que as persoas asistentes coñezan os principios da economía circular, que saiban como incorporalos á estratexia empresarial e que poidan mellorar o posicionamento da empresa cara aos grupos de interese e a sociedade en xeral. A relatora afondará nos ODS e amosaralles ás persoas participantes ferramentas para a posta en marcha de iniciativas circulares e lles ensinará tamén como implementar un plan estratéxico sostible.
A relatora, Dinnorah Suárez Lesmes, é enxeñeira industrial e directora de programas de emprendemento. É unha firme defensora dos ODS e loitadora contra o cambio climático e fundadora e CEO de empresas relacionadas con I+D+I, o medio ambiente, moda, a formación e o sector audiovisual. Cunha traxectoria profesional de máis de vinte anos, Suárez orienta a empresarios e emprendedores cara a implementación de plans estratéxicos de sustentabilidade, á vez que promove a economía circular e a transformación dixital como pilares básicos de desenvolvemento dos negocios.
Para obter máis información sobre esta webinar, as persoas interesadas poden enviar un correo electrónico ao enderezo viveiro.lalin@depo.gal, ou tamén contactar cos teléfonos 686 540 897 e 886 217 360.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.