A Deputación envórcase coas mulleres da música co lanzamento de “Descúbre-As”

O programa de asesoramento e mentoring, dirixido ás mozas que comezan na escena musical, é pioneiro en todo o estado.
Publicado por o día 14/12/2020 na sección de Cultura,Deputación de Pontevedra

A Deputación envórcase coas mulleres da música co lanzamento de “Descúbre-As”

Co obxectivo de artellar e establecer accións dirixidas a compensar as dificultades coas que se atopan as mozas interesadas no mundo da música, e que impiden que se poidan dedicar á escena logo de rematar os seus estudos, a Deputación de Pontevedra lanza “Descúbre-as“, un programa musical, didáctico e social dirixido a rapazas de entre 16 e 25 anos. Trátase dun proxecto pioneiro en todo o estado que porá en marcha propostas musicais en colaboración con profesionais do sector, escolas de música e produtoras para rachar cos obstáculos existentes no sector musical, vencer as barreiras invisibles e impulsar que as mozas poidan desenvolver a súa carreira coas mesmas oportunidades que os seus compañeiros.

Esta novidosa iniciativa que lanza a Deputación, en colaboración coa empresa Regalamúsica, vestirase de longo este próximo xoves cun grande evento na sede da institución provincial en Vigo. Respectando os aforos e os protocolos Covid-19, xentes da música e da escena artística da provincia daranse cita, presencial e on line, nun acto que comezará ás 20 horas e que contará con participación de recoñecidas artistas e con actuacións de música en vivo. No evento se darán a coñecer os detalles deste novo programa, destinado a converterse nunha das accións máis potentes do vindeiro ano.

”Descúbre-As” conta con cinco liñas de accións principais, entre elas unha plataforma web, www.descubrelas.com, onde é posible coñecer quen integra a iniciativa e as razóns de ser da mesma, así como noticias, entrevistas e vídeos relacionados coa actualidade musical. A web recolle tamén unha sección de videotitoriais con información sobre música e un foro de debate. Amais, tamén se inclúen datos do programa de mentoring e un directorio de contacto a modo de novo mapa creativo da industria musical. Nesta sección, concretamente, visibilízase o traballo e talento feminino que existe na provincia en canto á industria musical e tamén se pon en contacto a profesionais do sector.

Amais da web, haberá un consultorio online no que se dará resposta ás estudantes de música sobre o programa, material gráfico da proposta, así como unha campaña de comunicación para dar a coñecer a iniciativa, os seus contidos e os produtos resultantes. O ambicioso programa de mentoring consistirá no apoio e desenvolvemento de novas propostas musicais en colaboración con profesionais da industria, escolas e produtoras, acompañando ás mozas nos seus primeiros pasos e axudándoas a contactar e familiarizarse co sector. Deste xeito, o programa de mentoring, para o que se pode formalizar a inscrición a través da plataforma web, ofrece ata seis sesións de asesoramento online con expertas da industria musical que axudarán ás mozas a lanzar os seus primeiros produtos, gravar a súa primeira canción e mesmo producir un vídeo-clip en formato profesional.

O programa contempla dúas fases na súa execución. A primeira delas, a máis informativa, contempla todos os contidos online que se recollen na web www.descubrelas.com, como información das artistas musicais femininas da provincia de Pontevedra, unha axenda de eventos en feminino, ou a consultaría online para as usuarias do programa. Pola súa banda, na segunda fase primará a interacción directa coas mozas e contacto coas escolas de música da provincia para tecer redes activas de colaboración, construíndo un grupo activo que sume e participe da cultura feminina. Nesta fase, amais, impulsaranse obradoiros e charlas no marco do programa de mentoring e realizaranse tamén gravacións de cancións e vídeo clips.

Comentar noticia

Your email address will not be published.