A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou esta mañá na sede central do ORAL a nova páxina web do órgano recadador da institución provincial. Esta nova plataforma será “unha nova ferramenta de consulta para as persoas contribuíntes dos concellos con tributos delegados no ORAL”, segundo resaltou a presidenta, que exercerá de “ponte entre a web da Deputación de Pontevedra e a oficina virtual tributaria”. A oficina virtual, desde a súa posta en marcha o pasado mes de marzo, xa tivo máis de 45.000 usuarios e usuarias que realizaron máis de 300.000 operacións.
O obxectivo desta nova web será “darlle unha maior visibilidade ao ORAL centralizando toda a información sobre o mesmo nun único punto”, sinalou Carmela Silva. Deste xeito, “facilitamos as xestións e aumentamos a transparencia de cara aos concellos e á cidadanía”, asegurou a presidenta provincial. Será unha web “informativa, pero que tamén permitirá realizar algunhas operacións básicas”. Desde o inicio, as usuarias e usuarios atoparán información destacada sobre períodos de cobranza, novas delegacións, proxectos relacionados co ORAL ou avisos sobre as cobranzas, entre outras cuestións de interese, e a súa estrutura é a seguinte:
- Quen somos: “Queremos ter un nivel moi alto de transparencia, e nesta sección haberá un resumo sobre os obxectivos que persegue a Deputación de Pontevedra, a misión, visión e valores, as delegacións de cada concello, a súa estrutura orgánica, datos de persoal, competencias, acceso ás memorias do ORAL en cada exercicio”, asegurou a presidenta.
- Sedes e horarios de atención
- Coñece os teus tributos: información detallada sobre cada imposto e taxa xestionada polo ORAL: as definicións, como se calculan, os procedementos que se poden tramitar… e tamén as preguntas frecuentes que poden ser de interese para a cidadanía. Carmela Silva lembrou que “ás veces podemos dar feito que as persoas teñen toda a información, pero non sempre acontece así e por iso nós llela damos: así poden coñecer as súas obrigas e os seus dereitos”
- Información ás persoas contribuíntes: Carmela Silva asegurou que “queremos que as persoas contribuíntes cumpran as súas obrigas dun xeito cómodo e flexible, e neste apartado haberá moitísima información para poder acadalo”
- O meu concello: Neste apartado poderase atopar “toda a información relativa a cada concello: as delegacións que ten no ORAL, os tipos impositivos e tarifas de cada tributo e as ordenanzas fiscais reguladoras de cada un”, informou a presidenta.
Ademais, en todas as páxinas haberá tres accesos directos desde a parte inferior: a un formulario de contacto “que será atendido nun prazo máximo de 24 horas, respectando á cidadanía”, unha listaxe de preguntas frecuentes estruturadas por temáticas, e unha enquisa de satisfacción que permitirá á Deputación de Pontevedra mellorar, “aínda que sei que terá unha gran nota porque este servizo deu un cambio radical nos últimos catro anos grazas ao persoal do ORAL, o seu compromiso e as súas ideas”.
Carmela Silva lembrou que “este servizo de recadación é imprescindible para poder pór en marcha o resto de iniciativas das institucións públicas”. En canto á súa valoración sobre o proxecto da nova web, a presidenta resaltou que “esta nova plataforma resultarame moi útil como cidadá e tamén como presidenta da Deputación para saber como funcionamos. É unha web moi potente, que responde ao século XXI con transparencia, información, eficacia, eficiencia e contacto coa cidadanía e cos concellos”.
Preto de 300.000 operacións na oficina virtual tributaria
Ao exercer de ponte entre a web da Deputación e a oficina virtual tributaria, desde a web do ORAL poderase acceder a ela para que a cidadanía realice as xestións de modo telemático. Carmela Silva sinalou o bo funcionamento desta ferramenta, que “xa suma preto de 300.000 operacións en 6 meses e 45.000 persoas contribuíntes empregáronas“. Estes datos son especialmente relevantes se se ten en conta, en primeiro lugar, que “en todo 2018 só 6.000 persoas empregaron a vía telemática, este incremento é case un milagre”; e, en segundo lugar, porque “mes a mes estamos a aumentar o número de trámites realizados: pasamos das 21.000 de marzo e máis de 80.000 en agosto”.
A través da oficina virtual, “a Deputación está investindo nun novo modelo de atención que diminúe os tempos de resposta”, pero non é a única medida posta en marcha con este obxectivo: Carmela Silva anunciou que “en 2020 imos realizar obras de adecuación e modernización para poder contar con ese punto de atención único nas oficinas centrais de Pontevedra” e “seguir facilitando a relación das persoas con este órgano”. Tratarase dun punto de atención coordinado coas oficinas periféricas para igualar os seus parámetros de calidade.
A porcentaxe de cobros reais aumenta por enriba do incremento de recibos
Carmela Silva deu a coñecer os resultados que leva acadado ata o momento o ORAL neste ano. Deste xeito, informou de que “con respecto ao mesmo período de xaneiro a setembro, este ano incrementamos un 2,48% o volume de recibos que o ORAL debe xestionar: preto de 120 millóns de liquidacións e padróns fronte aos 117 millóns do ano pasado”. En canto aos cobros que xa se realizaron e que xa están á disposición dos concellos, “incrementáronse un 5,74%, o que significa que aínda que temos máis valores que cobrar, pero somos quen de superar os cobros reais por enriba do que suben os recibos”. Estes cobros supoñen “2,5 millóns máis con respecto a 2018: nestes momentos, cando aínda non rematou setembro e aínda non se contabilizan os grandes impostos, levamos recadado 46,7 millóns de euros”. A estas alturas de 2018 levabamos recadados 44,2 millóns de euros. En canto aos datos totais do ano pasado, “a recadación final foi de 123,9 millóns fronte os 120,7 do ano 2017 e os 118,6 millóns de euros do ano 2016”.
Melloras na relación coa cidadanía e cos concellos
Carmela Silva sinalou algúns dos grandes avances do ORAL con respecto á relación que este ten coa cidadanía. “A relación a través de medios electrónicos para realizar calquera trámite: a partir do 16 de setembro de 2019 soamente temos interrelacións e comunicacións sen papel coas persoas xurídicas, entidades sen personalidade xurídica… e todas as relacións se tramitan a través da oficina virtual”. Do mesmo xeito, as notificacións tampouco se xerarán en papel, “senón a través dunha caixa de notificacións electrónicas: as operacións así realizaranse con maior axilidade, comodidade e aforro de custos para a Deputación e para os concellos. Enviamos comunicacións no mes de agosto a preto de 35.000 entidades para advertirlles desta obriga legal. Xa se xeraron máis de 2.000 notificacións cun aforro de 12.000 €”.
En canto ás relacións cos concellos, a presidenta provincial sinalou que lle imos dar “un novo impulso á intercomunicación de datos cunha plataforma que vai permitir intercambiar e facer seguimento de informes de xeito seguro”. A ferramenta “estará lista antes de finais de ano e darémoslle a cada concello un espazo na nube para intercambiar arquivos”, informou Carmela Silva. Ademais, avanzou unha nova actividade no mes de novembro na que “imos presentar desenvolvementos nos que traballamos e novidades en materia de xestión de ingresos”, que tamén será un foro de suxestións e achegas en canto á xestión delegada dos tributos locais. O ORAL tamén está a traballar nun convenio de colaboración integral “para implantar novas figuras tributarias en relación coa utilización do dominio público municipal por parte de grandes compañías de transporte de electricidade e gas”. Ademais, a mellora do servizo de xestión de multas coa redacción dun “proxecto de novo regulamento para xestionar as multas de tráfico. Así o ORAL poderá asumir todos os trámites do procedemento sancionador directamente cun instrutor funcionario do ORAL”. Tamén a implantación, neste ano, dun programa “Sit Sanciona” nos 26 concellos que delegan as sancións de tráfico, un programa “que facilita o uso de dispositivos móbiles para capturar denuncias de tráfico e integralas directamente co sistema de información tributario do ORAL”.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.