A Deputación finaliza as obras de mellora da seguridade viaria na EP 9305 ao seu paso polo Concello de Ribadumia

Os traballos, nos que a institución provincial investiu 189.113 euros, permitiron a creación dun área reservada para peóns e unha zona de estacionamento en liña
Publicado por o día 28/08/2019 na sección de Deputación de Pontevedra,Galicia,Ribadumia

A Deputación finaliza as obras de mellora da seguridade viaria na EP 9305 ao seu paso polo Concello de Ribadumia

A Deputación de Pontevedra ven de rematar as obras de mellora da seguridade viaria nun tramo da estrada EP 9305 que une Coirón con Ribadumia e Leiro, ao seu paso polo concello de Ribadumia, nas que investiu un presuposto de 189.113 euros.

Máis polo miúdo, as obras de acondicionamento e mellora, enmarcadas na aposta da institución provincial por consolidar un modelo de estradas que garanta a seguridade viaria, a mobilidade peonil e os espazos públicos para a cidadanía, realizáronse nun treito de 500 metros (do punto quilométrico 4+450 ao 4+950), no que se creou un área reservada para peóns na marxe esquerda da estrada, dando continuidade así ás beirarrúas existentes desde o último punto quilométrico ata o centro do núcleo urbano de Ribadumia.

O proxecto incluíu tamén a creación dunha área reservada para estacionamento en liña de vehículos na marxe esquerda a estrada, ata o final do Pazo de Barrantes, así como a habilitación de catro pasos de peóns sobreelevados. A maiores, renováronse as instalacións de saneamento e alumeado e instalouse unha nova para a recollida de augas pluviais.

Desta obra aprobouse un proxecto modificado, despois de que o Concello de Ribadumia conseguise a cesión dun terreo de forma posterior á redacción do proxecto inicial. Deste xeito, acadouse o espazo suficiente para executar unha única sección tipo de beirarrúa de 2,5 metros de ancho e a zona de estacionamento de 2,2 metros na totalidade do tramo obxecto da obra.

Comentar noticia

Your email address will not be published.