A Deputación homenaxea ás redeiras cunha intervención mural do artista Darío Basso na fachada da sede de Vigo

Carmela Silva: “É unha esplendorosa mostra de arte de vangarda e un recoñecemento simbólico a todas as mulleres do mar”

A sede da Deputación de Pontevedra en Vigo, situada no Casco Vello da cidade, loce xa na súa fachada o mural de homenaxe ao colectivo de redeiras creado polo artista Darío Basso dentro do programa municipal de arte urbano en medianeiras e espazos públicos “Vigo, cidade de Cor”. O alcalde, Abel Caballero, e a presidenta provincial, Carmela Silva, visitaron este mediodía a obra, “unha esplendorosa mostra de arte de vangarda cun marabilloso simbolismo, xa que fai un recoñecemento ás redeiras e por extensión a todas as mulleres do mar”, explicou a máxima responsable da Deputación. O alcalde, pola súa banda, destacou que “estamos ante unha magnífica obra contemporánea que combina a acción artística con grandes valores como é a homenaxe ás redeiras, e ademais contribúe a recuperación do espazo público a través da arte”.

O lenzo ao aire libre de Basso ocupa 195 metros cadrados da fachada da sede, situada na rúa Eduardo Chao, na que antigamente as redeiras extendían as mallas de pesca para restauralas. O artista fixo unha investigación sobre a historia do barrio e da propia rúa, e mantivo conversas coas persoas maiores do Casco Vello para así fundirse no pasado e o ambiente do entorno. “As redeiras teñen un traballo silenciado, pero básico e importantísimo para a actividade pesqueira”, explica o autor desta pintura mural que xa forma parte da paisaxe do Casco Vello vigués.

Redeiras é unha intervención pictórica abstracta en gran formato na que Basso, coa colaboración de Paula Lago Pereira, unha das súas alumnas na Escola de Artes e Oficios de Vigo, empregou distintas técnicas, entre elas o emprego de coxíns e mantas para facer as impresións da pintura sobre a fachada da sede. A obra, que quedará rematada o mércores, está creada con pintura con nanocristais de silicato en tons pastel e suaves. O fondo do lenzo evoca distintos elementos mariños, e sobre el o autor creou a silueta

dunha rede a partir de fotografías tomadas no porto pesqueiro de Vigo. A fachada sur da sede da Deputación, pintada agora en ton azul, “é un reflexo do mar”, segundo explica o artista. A intervención ten influencias do expresionismo americano dos anos 50 do pasado século. “É unha obra pictórica en parede que respecta a restauración arquitectónica do edificio”, ampliou Basso, quen detallou ao alcalde e á presidenta da Deputación os pormenores da idea e o proceso creativo.

Carmela Silva subliñou que Redeiras “é unha obra de arte moi especial na que se empregan as técnicas máis vangardistas da pintura mundial, e que convirte a sede da Deputación en Vigo nun gran lenzo dun grande artista”.

Noticias de última hora en Vigo

SIGUENOS EN TELEGRAM

Comentarios (0)
Publicar comentario