A Deputación impulsa o traballo do CAAN con máis persoal, máis medios, máis campañas e máis colaboración coas protectoras

A deputada Eva Vilaverde deu a coñecer o novo contrato de xestión do servizo de recollida de animais e do centro de acollida e protección de animais da Armenteira
Publicado por o día 10/05/2018 na sección de Deputación de Pontevedra

A Deputación impulsa o traballo do CAAN con máis persoal, máis medios, máis campañas e máis colaboración coas protectoras

A Deputación de Pontevedra vén de darlle un pulo ao traballo do seu Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Armenteira con máis persoal, máis medios, máis campañas e maior colaboración coas asociacións protectoras da provincia. A deputada delegada do centro, Eva Vilaverde, deu a coñecer hoxe o novo contrato de xestión do servizo de recollida e de funcionamento do centro que se aprobará mañá en Xunta de Goberno e terá vixencia ata o 31 de decembro de 2019.

Segundo especificou Vilaverde, as melloras serán salientables sobre todo no aumento do persoal profesional do servizo: pasará de haber dous veterinarios a catro (tres a tempo completo e un a tempo parcial) e de catro a cinco laceiros ademais do persoal administrativo. Tamén haberá melloras de medios, facilitando tanto materiais cirúrxicos como outras necesidades co fin de afrontar, entre outros moitos aspectos, o labor de esterilización de todos os animais que saen en adopción do centro.

Por outra parte, realizaranse novas actividades colaborativas singulares como a iniciativa ‘NaniCAAN’S‘: Tratase dun proxecto de voluntariado, explicou Vilaverde, no que un grupo máximo de cinco persoas colaboradoras serán seleccionadas para recibir formación e material para acoller e alimentar a cachorros orfos durante a fase de lactación inicial (primeiros 45 días). As persoas que formen parte do proxecto serán formadas previamente polo persoal do centro e serán alertadas no caso de que se necesite da súa colaboración, recibindo o pack de coidados xunto cos animais obxecto de aleitamento. “Esta actividade dará resposta ás inquedanzas de moita xente e, de xeito indirecto, facilitará a difusión do centro e da adopción dos animais implicados entre o contorno das persoas colaboradoras”, dixo Vilaverde.

A deputada tamén explicou o ‘Proxecto CAANdifusores‘, que tamén implica a voluntariado e está dirixido tanto a particulares como a protectoras que non dispoñan de centro de acollida co fin de participar activamente na busca de adoptantes. “A difusión centrarase naqueles animais que os técnicos do CAAN estimen e consideren máis urxente por ter  requirimentos máis específicos como idades moi avanzadas, razas moi pequenas, e animais sans en proceso de recuperación de intervencións cirúrxicas ou patoloxías curadas”, afondou.

Por outra parte, Vilaverde puxo de manifesto o interese en potenciar o contacto coas asociacións protectoras para a adopción de animais. Lembrou que nestes momentos existe unha boa relación con diferentes asociacións nas que se evidencia a viabilidade e o éxito da colaboración, e destacou que o modelo proposto a partir de agora supón unha novidade a nivel autonómico, aínda que existen antecedentes noutros países como Italia ou Francia.

A intención do CAAN, dixo, é dirixir a acción das asociacións protectoras cara a adopción de cans acollidos nas súas instalacións, de modo que os cans recollidos na rúa, e unha vez declarados en abandono, poderían ser adoptados polas entidades colaboradoras correndo o CAAN con todos os gastos de identificación, rexistro, vacinación, desparasitación e esterilización, sempre asumindo as condicións establecidas pola Deputación e o cumprimento da normativa.

Club CAAN

Finalmente, segundo indicou a nacionalista, co novo contrato de xestión do CAAN potenciaranse actividades de concienciación e divulgación que propicien o coñecemento do centro por un maior número de persoas, o que fará incrementar o número de visitantes e adoptantes. Así, ás actividades habituais de campañas de fomento da adopción, especialmente dirixidas a centros escolares, sumaranse actividades que ofrezan beneficios ás e aos adoptantes, como son a realización de obradoiros ou sesións de educación canina básica, a creación dun club que manteña perfectamente informados aos seus integrantes ou actividades que impliquen unha labor social, como os traballos de reinserción nos que interveñen cans. No orzamento inclúese a realización de 84 xornadas de divulgación, realizadas tanto dentro como fora do centro de acollida e cunha duración media de 2 a 3 horas. Para o ano 2018 realizaranse estas actividades en colaboración co Seprona, aceptando así a invitación realizada polo corpo.

“Toda esta mellora para o CAAN –explicou Vilaverde– evidentemente conleva un aumento do orzamento e dos custos”, que pasará a ser de 620.000 euros anuais, sendo a empresa pública Tragsatec a que se encargará do servizo. A deputada destacou que o CAAN beneficia a 48 concellos da provincia cunha poboación de 400.000 habitantes, realizando desde 2013 máis de 8.000 intervencións e atendendo anualmente a 600 animais nas instalacións da Armenteira.

Por outra parte, “e seguindo na dirección de fomentar o traballo do CAAN e mellorar o servizo e de benestar animal marcado pola Deputación o pasado ano”, a nacionalista tamén apuntou que se está a redactar o proxecto de ampliación das instalacións da Armenteira, que inclúe renovación e ampliación das zonas de recepción e corentena, de cachorros e nais, e de espallamento e socialización.