A Deputación inicia as obras da glorieta que reordenará o tráfico en A Costeira no Concello de O Porriño

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez explica que xa se derrubaron a marquesiña do bus e os galpóns expropiados e que a actuación poderá estar rematada en xullo se non xorden complicacións
Publicado por o día 18/05/2018 na sección de Deputación de Pontevedra,Galicia,O Porriño

A Deputación inicia as obras da glorieta que reordenará o tráfico en A Costeira no Concello de O Porriño

O departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra vén de iniciar nesta semana as obras da nova glorieta de ordenación do tráfico no cruce  da intersección da estrada provincial EP-2405 Cerquido-Budiño con dúas vías municipais no lugar de A Costeira, en O Porriño. Segundo explicou o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, xa están derrubadas a antiga marquesiña de autobús e os galpóns expropiados para ampliar a zona de actuación, e tamén se están a realizar estudos sobre as canalizacións existentes na zona co que o persoal técnico denomina unha ‘toupeira’. Estímase, segundo o nacionalista, que se non se producen complicacións a obra poderá estar rematada no mes de xullo.

Hai que lembrar que as obras en A Costeira estaban paralizadas debido a que no momento en que a empresa adxudicataria, Construcciones Vale SL, asinara o contrato e pressentara a acta de replantexamento había unha climatoloxía moi adversa debido á chuvia. Unha vez mellorou o tempo a actuación comezou tan pronto a empresa estivo dispoñible.

O orzamento global do proxecto ascendeu a 220.336,36 euros, sendo 21.534 euros destinados a expropiacións e o resto á execución da obra. Finalmente a licitación pechouse por un prezo menor: 132.719,68 euros.

Os traballos consisten na instalación dunha nova glorieta para reordenar o tráfico, suavizar o trazado e mellorar as condicións de visibilidade e manobra dos vehículos. Foi necesario ocupar dúas parcelas privadas e unha municipal, e víronse afectadas dúas construcións, un alpendre-almacén e unha marquesiña de bus na parcela municipal, cuxa demolición e nova instalación se incluíu no orzamento do proxecto.