A Deputación inicia as obras de calmado do tráfico para aumentar a seguranza viaria na contorna do colexio Xosé Neira Vilas en Gondomar

O deputado Uxío Benítez explica que se instalarán varios pasos de peóns sobreelevados e redutores físicos de velocidade
Por o 08/05/2018 | Sección: Deputación de Pontevedra
A Deputación inicia as obras de calmado do tráfico para aumentar a seguranza viaria na contorna do colexio Xosé Neira Vilas en Gondomar

O Departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra iniciou hoxe as obras de calmado do tráfico para aumentar a seguranza viaria na estrada provincial EP-2301 entre Gondomar e Peitieiros no concello de Gondomar.

O deputado provincial Uxío Benítez destaca que a actuación supón a construción de varios pasos de peóns sobreelevados e redutores físicos de velocidade de vehículos nunha zona na que está o colexio Xosé Neira Vilas, a igrexa e o cemiterio, todo entre dúas curvas pechadas, “feito que constitúe unha situación de perigo para todas as persoas usuarias dos equipamentos presentes nese punto, que teñen que cruzar a estrada para seguiren os seus itinerarios”.

A actuación proposta está motivada principalmente pola falta de seguridade viaria da zona que pon en risco aos peóns que cruzan a estrada provincial xusto entre os puntos quilométricos 2+550 e 2+770. Segundo explica Benítez, a obra contempla a execución de dous pasos de peóns sobreelevados novos e a adecuación dun existente nos puntos 2+610, 2+650 e 2+700 cun largo de 6,8, outro de 6,6 e 8,5 metros respectivamente.

Os primeiros traballos están a consistir no fresado do firme existente nas cabezas dos elementos de calmado de tráfico. Despois estenderanse dúas capas de asfaltado, creando unha plataforma única de uso mixto, tendo prioridade o tránsito peonil e estando correctamente sinalizados con baldosa hidráulica podotáctil, cumprindo coa normativa de accesibilidade. Tamén se instalarán sistemas de drenaxe con sumidoiros sempre no lado cara onde vaian as augas para evitar que se xere acumulación de bolsas na vía. Tamén se instalará a sinalización correspondente, tanto horizontal como vertical, e captafaros tipo ollo de gato nas súas catro esquinas para sinalizar a existencia do elemento na vía.

Construiranse, así mesmo, outros dous redutores físicos de velocidade nos puntos 2+550 e 2+770 cun ancho de 6,5 metros en ambos casos, segundo explica o deputado nacionalista, marcando a entrada e saída do ámbito máis concorrido polos peóns.