A Deputación inicia as obras de mellora da seguranza viaria na contorna da Escola Infantil Hío no acceso á praia de Nerga

A actuación inclúe calmado do tráfico, unha senda peonil e a mellora da visibilidade nunha curva pechada
Por o 26/06/2019 | Sección: Cangas,Deputación de Pontevedra,Galicia
A Deputación inicia as obras de mellora da seguranza viaria na contorna da Escola Infantil Hío no acceso á praia de Nerga

O departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra vén de iniciar as obras de mellora da seguranza viaria na contorna da Escola Infantil Hío, na estrada provincial de acceso á praia de Nerga (EP-1007) en Cangas. A empresa Construcciones Caldevergazo está a actuar nestes momentos realizando a cuneta da marxe esquerda, para o que é preciso cortar un carril de circulación. A actuación, que abrangue un treito de aproximadamente uns 120 metros, tivo un orzamento de licitación de preto de 60.000 euros e un prazo de execución de tres meses, polo que se non se producen complicacións poderá estar finalizada a finais de setembro.

A actuación nesta estrada provincial, segundo explica o deputado Uxío Benítez, débese a que non existe espazo para a circulación de peóns, que deben ir polo interior da calzada poñendo en risco a súa integridade física, o que se agrava debido a que o ámbito da obra é especialmente sensible ao existir un centro de educación infantil e a área recreativa da Cruz do Castro. Afirma o nacionalista que hai falta de aparcadoiro e ademais existe tamén unha zona de pouca visibilidade nunha curva pechada que está próxima.

Todos estes motivos levaron ao departamento de Mobilidade a redactar un proxecto para solucionar a convivencia da circulación do tráfico de vehículos e os itinerarios peonís. A solución adoptada pasa por ampliar a plataforma ata acadar dous carrís de tres metros cada un, unha cuneta transitable de ancho variable entre un e dous metros na marxe esquerda, unha zona de aparcadoiro en liña e unha senda peonil de 2,5 metros de ancho na marxe dereita, dende o inicio ata a escola, deixando atrás os actuais 6,3 metros de ancho da estrada, sen beiravías e con cunetas en terra.

Outra das melloras incluídas no proxecto é a ampliación do radio da curva do punto quilométrico 0+120 creando unha semi-glorieta na marxe dereita para aumentar a visibilidade. Tamén se pretende calmar o tráfico na estrada coa construción dun paso de peóns sobreelevado no PQ 0+060 e dun redutor físico de velocidade de vehículos no PQ 0+0140. Por último, melloraranse as instalacións de drenaxe de pluviais con tubaxes e sumidoiros para evitar asolagamentos na plataforma.

Comentar noticia

Your email address will not be published.