A Deputación inicia hoxe luns en Baiona as actividades socioculturais para persoas usuarias do servizo de teleasistencia domiciliaria

O obxectivo dos talleres é traballar as capacidades cognitivas, favorecer o contacto e a interrelación social e previr situacións de illamento
Publicado por o día 25/03/2019 na sección de Baiona,Deputación de Pontevedra,Galicia

A Deputación inicia hoxe luns en Baiona as actividades socioculturais para persoas usuarias do servizo de teleasistencia domiciliaria

A Deputación de Pontevedra comeza esta próxima semana na provincia as actividades socioculturais para persoas usuarias do servizo de teleasistencia domicialiaria, co obxecto de favorecer as capacidades cognitivas das persoas maiores, favorecer o contacto social e previr situacións de illamento e soidade. Tras os talleres de estimulación da memoria postos en marcha en 2018, este ano as actividades centraranse na estimulación das funcións cognitivas a través da música e dos xogos. Durante este ano está prevista a realización de 12 actividades deste tipo, entre os meses de marzo e outubro.

Baiona acollerá o primeiro taller, que se desenvolverá este luns, ás 17:00 horas no Centro Sociocomunitario, e que estará destinado ás persoas usuarias e acompañantes do servizo de teleasistencia dos concellos de Baiona, Nigrán, Gondomar e Oia. A seguinte actividade realizarase no Grove o mércores, día 27 de marzo, ás 17:00 horas, no Centro Social da Terceira Idade. Asistirán persoas usuarias e acompañantes dos municipios do Grove e de Sanxenxo.

Na actualidade, o servizo de teleasistencia domiciliaria da Deputación de Pontevedra atende a un total de 582 persoas de 46 concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes. Trátase dun servizo que permite, a persoas de avanzada idade ou con algún tipo de diversidade funcional, manter a súa independencia e continuar vivindo no seu domicilio con tranquilidade e seguridade, coa consecuente mellora na súa calidade de vida. Ante unha situación de emerxencia no fogar, con só pulsar un botón, dáselle resposta inmediata ás persoas usuarias, as 24 horas ao día os 365 días do ano, mobilizando os recursos necesarios para solucionar a incidencia.

Dende a Deputación de Pontevedra lévase potenciado o servizo de teleasistencia domiciliaria como unha fórmula para manter a calidade de vida das persoas maiores, evitando así institucionalizacións innecesarias. Trátase dunha iniciativa moi importante, especialmente, nas zonas rurais máis illadas, xa que permite ás persoas usuarias estar conectadas permanentemente cos servizos sociais e de saúde. Para os casos de especial vulnerabilidade, o servizo dispón de Unidades de Control Remoto, con detector de movemento, que envía unha alarma no caso de que non detecte movemento da persoa usuaria en doce horas.

Comentar noticia

Your email address will not be published.