A Deputación instalará 27 novos ‘lombos’ nas estradas provinciais do Morrazo ao abeiro do Plan Móvese 2

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez explica que o investimento total na comarca en dispositivos de calmado de tráfico ascende a case 383.000 euros
Publicado por o día 06/09/2018 na sección de Deputación de Pontevedra

A Deputación instalará 27 novos ‘lombos’ nas estradas provinciais do Morrazo ao abeiro do Plan Móvese 2

O Servizo de Mobilidade da Deputación de Pontevedra vai instalar 27 novos lombos nas estradas provinciais do Morrazo ao abeiro do novo Plan de mobilidade e velocidade segura (Plan MÓVESE 2). Segundo explica o deputado Uxío Benítez, os novos dispositivos de calmado de tráfico situaranse en 12 vías elixidas polos concellos e estratexicamente en treitos onde é preciso aumentar a seguranza viaria.

Segundo destacou Benítez, o investimento total na comarca do Morrazo por parte da Diputación no Plan MÓVESE ascende a 382.886 euros entre as dúas fases, acadando no proxecto que está en contratación nestes momentos os 114.000 euros. Hai que lembrar que o gasto total entre todos os concellos da provincia nesta liña de prevención da violencia viaria supera os 4.567.000 euros nos últimos dous anos.

O Concello de Cangas é o municipio que máis dispositivos solicitou nesta ocasión dentro da comarca, cun total de 16, sendo doce deles redutores físicos (RF) e outros catro pasos de peóns sobreelevados (PPS) ubicados en seis estradas: tres RF estarán na Cangas-Coiro-A Madalena, outros tres RF na Madalena-Aldán, outro en Vilariño-O Hío, un PPS en O Viso-O Hío, outro PPS e tres RF en O Hío-Donón, e finalmente outros dous RV e dous PPS en O Hío-Vilanova. Deste xeito, nas estradas da Deputación Cangas pasará a ter 24 dispositivos e un investimento de case 80.000 euros.

O Concello de Bueu solicitou nesta fase do Plan Móvese catro dispositivos. Construirase un novo redutor de velocidade na estrada de Banda do Río-A Portela, mentres que na Bueu-Igrexario de Cela construiranse outros tres en tan só 300 metros da estrada. Bueu pasa así a ser o municipio que suma máis dispositivos, cun total de 33 e un gasto provincial de 128.545 euros.

O Concello de Moaña, pola súa banda, disporá doutros tres novos dispositivos na estrada San Benito-Domaio e outro en Moaña-Coiro, acadando un total de 21 redutores e pasos elevados nas vías provinciais do municipio, cun investimento da Deputación de 117.972 euros.

O Concello de Marín disporá nesta ocasión de dous novos redutores de velocidade na estrada entre Seixo e San Tomé de Piñeiro, o que fai un total de 19 dispositivos de calmado do tráfico nas estradas da rede provincial. Finalmente, o concello de Vilaboa disporá de 15 elementos de calmado do tráfico, tendo solicitado unicamente un redutor para instalar na estrada provincial entre a N-550 e o lago de Castiñeiras.

Segundo manifesta o deputado responsable das vías de titularidade provincial, a intención da Deputación ao implantar de maneira sistemática os elementos de calmado de tráfico é dar unha resposta á problemática da seguranza viaria permitindo unha mobilidade sostible e segura aos colectivos máis vulnerables. O nacionalista asegura, de feito, que a metade das vítimas mortais de accidentes son peóns, ciclistas e motociclistas.

Benítez manifestou que a violencia viaria, principalmente debida ao exceso de velocidade, é evitable, e que os elementos físicos de calmado de tráfico como os da Deputación téñense demostrado como os máis efectivos para reducir a rapidez dos coches. Asegurou que aínda que as institucións poñan radares, sinais ou multas, a única actuación que proporciona resultados reais é instalar dispositivos físicos nas vías porque obrigan ás e aos condutores a frear os seus vehículos para evitar danos. “Se non houbese persoas condutoras irrespetuosas que fan caso omiso das normas de circulación os badéns non serían precisos”, subliñou.