A Deputación investirá 750.000 euros nas obras de mellora da seguridade viaria da EP-0307 nos concellos da Lama e Cerdedo-Cotobade

Carmela Silva afirma que a institución provincial está a realizar “o maior esforzo que nunca se fixo para mellorar a rede de estradas e facelas máis seguras, accesibles, con maior mobilidade e con canons do século XXI”
Publicado por o día 08/02/2020 na sección de Deputación de Pontevedra

A Deputación investirá 750.000 euros nas obras de mellora da seguridade viaria da EP-0307 nos concellos da Lama e Cerdedo-Cotobade

A Deputación de Pontevedra adxudicou as obras de ensanche e mellora da seguridade viaria na EP-0307 O Peso-Caroi, nas que a institución provincial investirá 749.513,77 euros. O tramo do viario no que se actuará discorre case na súa totalidade polo concello da Lama, aínda que tamén alcanza un pequeno treito no concello de Cerdedo-Cotobade.

A actuación enmárcase na aposta da institución por mellorar e garantir a mobilidade e a seguridade en toda a rede provincial de estradas. A presidenta provincial, Carmela Silva, afirmou que “a Deputación de Pontevedra está a facer maior esforzo que nunca se fixo para mellorar as estradas provinciais e facer que sexan máis seguras, accesibles, con maior mobilidade e con canons do século XXI”. A seguir, engadiu: “E non como se facía anteriormente, como ocorreu en Redondela ou en Sanxenxo, que se executaban obras e se deixaban os postes da telefonía no medio da rúa. Iso é o que facía Louzán. A Deputación fai agora as obras como hai que facelas”. A presidenta sinalou que nos concellos da Lama e Cerdedo-Cotobade goberna o PP, e destacou que o Goberno actúa “con transparencia; con investimentos en todo o territorio sen ter en conta quen goberna nos concellos”.

Como explicou Silva, os traballos, que teñen un prazo de execución de oito meses, desenvolveranse nun tramo de dous quilómetros da estrada provincial. “Trátase dunha zona estreita debido a que a estrada discorre a media ladeira, e existen grandes desniveis en ambas as marxes, ademais de edificacións e formacións rochosas, porque vivimos nunha provincia que está chea de granito”, sinalou a presidenta, “e isto fai que executar as obras sexa moito máis difícil. Pero vai quedar extraordinaria”.

Carmela Silva engadiu que os traballos consistirán na ampliación da superficie da plataforma viaria nese tramo e que incluirán a dotación dunha cuneta de seguridade de 1 metro de anchura na marxe dereita e de beiravías en ambas as marxes. Ademais, “con estas obras repoñerase a barreira de seguridade e colocaranse sinais verticais e horizontais e seis redutores de velocidade”. A mellora incluirá tamén a construción de varios muros de sostemento e o recuamento de peches de parcelas e de barreiras de protección.