A Deputación leva esta semana a Perú o seu modelo de calmado de tráfico nas vías provinciais mediante ‘lombos’

A institución provincial foi convidada a expor o seu traballo no VI Congreso Ibero-Americano de Seguridade Vial ante centos de políticos e técnicos
Publicado por o día 15/10/2018 na sección de Deputación de Pontevedra

A Deputación leva esta semana a Perú o seu modelo de calmado de tráfico nas vías provinciais mediante ‘lombos’

O departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra dará a coñecer esta semana de xeito internacional o seu modelo de calmado de tráfico a través dos redutores físicos de velocidade (Plan Móvese) e a súa Estratexia 3.0 para as estradas provinciais baseada na seguranza viaria. A presidenta Carmela Silva e o deputado de Mobilidade Uxío Benítez intervirán o martes e mércores no VI Congreso Ibero-Americano de Seguridad Vial (CISEV) que se celebrará en Lima (Perú) convidados como  representantes dunha das administracións máis avanzadas do mundo en políticas contra a violencia viaria.

O obxectivo da intervención pontevedresa, auspiciada pola Asociación Española de la Carretera, é aportar solucións para facer estradas máis seguras en todo o ámbito de actuación do Instituto Vial Ibero-Americano, organizador do congreso. De feito, non só serán representantes políticos de administracións os que coñezan o traballo da Deputación, senón tamén persoal técnico que coñecerá as propostas concretas aplicadas na rede viaria da nosa provincia.

A presidenta Carmela Silva participará na primeira xornada do congreso, nunha mesa redonda dentro do panel ‘Visión Cero, un obxectivo para o novo decenio’, xunto a representantes de diferentes ministerios do goberno do Perú, Arxentina, Colombia, Chile, Panamá e o Banco Mundial, ademais da Dirección Xeral de Tráfico. A quenda do deputado de Mobilidade Uxío Benítez chegará o mércores 17, dentro da sesión ‘Políticas pública de seguranza viaria’, onde disporá de tempo para explicar o modelo da Deputación a través da ‘Estratexia de Mobilidade 3.0′ e para proxectar un vídeo sobre as actuacións na provincia de Pontevedra.

Ambos destacarán o modelo da Deputación como centrado nas persoas de xeito prioritario e subliñarán o bo funcionamento do Plan Móvese, que prevé xa coa súa segunda fase acadar máis de 1.000 redutores de velocidade na rede provincial cun investimento de máis de 5,5 millóns de euros.

Seguranza viaria nas políticas de estado

A VI edición do CISEV céntrase na análise de solucións e o debate construtivo para conseguir estradas e cidades máis seguras e máis sustentables en todos os países. O obxectivo de fondo é axudar a reducir a sinistralidade no ámbito urbano, un propósito que se enmarca dentro das prioridades do Decenio de Acción para a Seguridade Viaria 2011-2020. Ademais, hai outro grande reto: expor metas para a próxima Década de Acción da ONU -ante a proximidade do horizonte temporal 2020-2030 e seguir insistindo na importancia de que as estratexias de mellora da seguranza viaria se incorporen ás grandes políticas de estado dos países da rexión.

O programa técnico do VI CISEV propón tres intensas xornadas de traballo (Ver programa). Un dos moitos pratos fortes destes días serán as conferencias maxistrais previstas dentro das catro sesións plenarias.

A primeira tratará a Xestión da seguridade viaria. A segunda profundará das Vías de tránsito e mobilidade máis seguras. Finalmente, os vehículos e os usuarios, e as claves para incrementar a seguridade desde o punto de vista de ambos os factores de risco será o reto das outras dúas conferencias maxistrais.

A estas sesións e relatorios mencionadas uniránselles outras moitas de expertos de todo o mundo que permitirán aos técnicos reunidos en Lima analizar a fondo as cuestións que máis preocupan á comunidade científica especializada en mobilidade e seguridade do tránsito, urbano e interurbano.