A Deputación de Pontevedra revalidará o seu compromiso co medio cara á transición ecolóxica no Barbeira Season Fest, o festival que dará prioridade á ecoloxía, á cultura e á economía circular e que se desenvolverá o vindeiro 21 de setembro na praia de Barbeira, en Baiona.
As deputadas Ana Laura Iglesias e Raquel Giráldez estiveron onte en Baiona na presentación dos contidos do festival, un evento especialmente comprometido coa redución dos plásticos –non se permitirá o seu uso no recinto e un dos escenarios leva por nome Escenario Cero Plásticos– ao que a institución provincial levará material das súas campañas de sustentabilidade e igualdade. No primeiro caso, a Deputación reforzará o seu compromiso co medio achegando o material de Experiencias Sostibles, a iniciativa coa que este verán sensibilizou a poboación sobre as consecuencias do plástico no medio e a saúde e coa que repartiu máis de 100.000 elementos, como bolsas de tea ou vasos biodegradables feitos con fécula de millo e pataca.
No evento, a institución provincial tamén repartirá material das campañas de igualdade “Lembra! Eu decido, ti respectas” e “Conta comigo, eu respéctote” para previr agresións sexuais categorizadas como violacións en cita e agresións por submisión química. Os folletos das campañas teñen contidos diferenciados para mozas e mozos, e amosan con claridade os límites nas relacións entre adolescentes, facendo fincapé en que estas agresións son un delito e que a culpa nunca é da vítima.
O Barbeira Season Fest ten un cartel musical conformado por Los Punsetes, La Habitación Roja, Cecilio G. Cariño, Boyanka Kostova, La Bien Querida, Zeltia Irevire, Thomas Dylan & Balea, Axolotes Mexicanos, Manu TF DJ e Paula Docampo DJ. Os concertos estarán determinados polas mareas, de xeito que aqueles que se prevé que atraerán máis público terán lugar con marea baixa. Ademais, este festival incluirá outra serie de actividades enfocadas a promocionar o Camiño de Santiago, en concreto o itinerario portugués pola costa, que ten en Baiona un dos seus puntos de interese. Toda a programación está enfocada a acadar un ambiente acolledor e familiar, con diversidade de actividades para todos os públicos.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.