A Deputación licita as obras de seguridade viaria na estrada EP-8401 entre Portela e O Souto de Vea e financia a reforma integral da casa do concello de Cuntis

Manuel González: “Imos seguir co noso compromiso político de loitar contra o despoboamento do rural con actuacións de mellora dos servizos públicos”

A Deputación abriu o proceso de licitación da mellora da seguridade viaria da estrada provincial EP-8401 entre Portela e O Souto de Vea ao seu paso por Cuntis. As empresas teñen ata o próximo día 26 para presentar ofertas para unha obra valorada inicialmente en 109.720 euros e que porá solución a unha “demanda histórica” tanto do Concello como da veciñanza. Os deputados Manuel González e Ana Laura Iglesias, visitaron hoxe a zona, xunto co alcalde, Manuel Campos, e aproveitaron tamén para comprobar o resultado da reforma integral da casa do concello, acometida con fondos do Plan Concellos.

As obras da estrada da Portela a O Souto de Vea estarán adxudicadas entre finais de febreiro e principios de outubro e a actuación contará cun prazo de execución de catro meses. Consistirán na construción de cunetas tendidas de entre 1 metro e 1,5 metros de anchura en ambas beiras ao longo dos 2 primeiros quilómetros desta estrada, cunha lonxitude total de 6.778 metros. Este tramo, aínda que non ten presión residencial e transcorre fundamentalmente por terreos forestais, presenta curvas pechadas, escasa visibilidade e unha sección de 6,5 metros, que agora, coas novas cunetas, pasará a entre 8 e 9,5 metros. Ademais, instalaranse tubaxes para a canalización das escorrentas de augas pluviais evitando que o firme enchoupe. As novas cunetas substituirán as actuais, realizadas en terra con forma de uve e que supoñen un perigo en caso de saída de vía.

Por outra banda, durante a visita comprobouse o resultado da reforma integral da casa do concello, financiada con achegas do Plan Concellos das anualidades de 2019 e 2020, cun importe de 50.000 euros. A actuación consistiu na instalación dun revestimento cerámico na fachada que posibilitou o illamento térmico, ademais de acabar coas humidades existentes. Ademais, practicáronse dúas fiestras que, en palabras do alcalde, “abren o Concello á cidadanía” e mellorouse a habitabilidade interior e, por tanto, a atención ao público. Manuel Campos anunciou que o Concello continuará agora co acondicionamento da praza exterior e a mellora da sede dos servizos sociais municipais, tamén cos fondos da Deputación.

O deputado Manuel González destacou a satisfacción que produce comprobar sobre o terreo a colaboración da Deputación “cun concello pequeno e do rural como é Cuntis” e destacou a “especial vontade de entendemento co municipalismo. “Imos seguir con este compromiso político, que é o compromiso da presidenta, Carmela Silva, para loitar contra o despoboamento do rural con actuacións de mellora dos servizos públicos, algo do que outras administracións deberían aprender”.

Manuel Campos Velay agradeceu a licitación da estrada da Portela a O Souto de Vea “que é unha obra importante para un concello atravesado pola N-640, é dicir por un eixe de comunicación que é alternativo á AP-9 e que, por iso, ten unha alta densidade de circulación”. “Levabamos tempo loitando por iso e acadámolo”. Neste senso reivindicou tamén a necesidade de que a Xunta de Galicia remate a autovía Santiago-A Estrada, que acumula un atraso histórico para solucionar os problemas de comunicacións na comarca.

O alcalde destacou que Cuntis recibe tódolos anos uns 600.000 euros da Deputación “que se traducen en obras moi importantes para veciños e veciñas”. “O Plan Concellos é unha arma importantísima para tódolos concellos da provincia e, vistos os seus resultados, hai que recoñecerlle a Carmela Silva que tivera a determinación para financiar de xeito regrado a tódolos concellos da provincia, independentemente da súa cor política”.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM