A deputación oferta 106 prazas para atención a menores no centro de día de Príncipe Felipe

A deputada Eva Vilaverde sinala que o servizo está destinado a menores de entre catro meses e 16 anos con familias con dificultades para facerse cargo deles durante a xornada laboral
Publicado por o día 06/03/2018 na sección de Deputación de Pontevedra

A deputación oferta 106 prazas para atención a menores no centro de día de Príncipe Felipe

A Deputación de Pontevedra vai abrir esta semana o prazo para cubrir as 106 prazas do centro de día de Príncipe Felipe. Segundo explica a deputada delegada do centro, Eva Vilaverde, este servizo está destinado a menores de entre de catro meses e 16 anos de idade pertencentes a familias con problemas económico-sociais e que teñen dificultades para atendelos durante a xornada laboral, co obxectivo de asegurar que as necesidades básicas das e dos menores quedan cubertas.

As bases que regularán a concesión das prazas sairán publicadas esta semana no Boletín Oficial da Provincia (BOPPO) e haberá 30 días naturais para presentar as solicitudes. Os requirimentos xerais son ter cumpridos 4 meses e menos de 16 anos no momento do ingreso, estar empadroado en concellos da provincia de Pontevedra e pertencer a familias con dificultades de carácter económico-social. Non serán aceptados as e os menores en situación de risco de desamparo, que teñan necesidade de atención psicoeducativa en centros específicos, trastornos mentais que requiren intervención específica, graves trastornos de desenvolvemento que requiren tratamento específico, toxicomanías, dificultades físicas e de autonomía que impidan integración nas unidades ou que pertenzan a unidades familiares con ingresos superiores a catro veces o IPREM.

As persoas menores beneficiarias do centro de día de Príncipe Felipe gozan, mentres están nas instalacións da correspondente manutención, con cobertura alimenticia e hixiénica; recursos de carácter psicoeducativo propios do centro; unha contorna espacial ampla, segura, sa, alegre e propicia para o aproveitamento do tempo de lecer; instalacións externas convenientemente dispostas para o xogo e a recreación (campo de fútbol, pavillón polideportivo, piscinas, espazos libres, bambáns, xardíns e zonas de recreo interiores, entre outras); unidades de convivencia moi amplas, adaptadas ás disposicións vixentes, con salas para xogar, descansar ou realizar traballo escolar segundo a necesidade da programación individualizada, así como unha cociña xeral propia, comedor xeral e comedores particulares nas propias unidades de convivencia.

Existe un centro escolar Infantil e de Primaria, unha gardería, un centro de educación especial e un centro integrado de formación profesional todos eles dentro do mesmo recinto do Centro Príncipe Felipe; un servizo de transporte que recolle e deixa ás e ós menores nas paradas

establecidas- no caso de estar escolarizados en centros externos-; unha ratio de persoal por menor que cumpre as esixencias normativas, ofrecendo facilidades para a atención personalizada e a formación de titorías; actividades extraescolares recreativas, formativas, transversais, complementarias, de apoio escolar e outras; servizo psicolóxico e de traballo social propios, cunha ampla experiencia nos distintos campos de atención á infancia; así como atención de primeira asistencia en caso de urxencias a través da unidade de enfermería propia do centro.

En canto ao horario do centro de día, as familias das crianzas de entre cero e tres anos poden elixir o que máis lles conveña en función das súas necesidades, non podendo estar as crianzas nas instalacións máis de oito horas diarias. Entre os tres e os dezaseis anos, o servizo do centro de día comeza despois das 14 horas, cando se recollen as e os menores nas paradas de autobús habilitadas para que suban ata Príncipe Felipe ao comedor. Despois realizan as actividades correspondentes (extraescolares, deportivas, traballos escolares de reforzo…) e a súa estancia finaliza con dúas saídas posibles do centro entre as seis e as sete da tarde cara ás paradas de bus, lugar onde as familias recollen ás e ós escolares.

O número de prazas ofertadas é de 72 para o centro infantil (de entre catro meses e 8 anos); 17 prazas para o centro Escola Fogar (a partir de 8 anos) e outras 17 para o Centro Agarimo (tamén a partir de 8 anos).