A Deputación organiza unha festa literaria para poñer en valor o papel dos premios de literatura, investigación e xornalismo na provincia

Terá lugar no Pazo provincial o 26 de setembro coincidindo co Día Europeo das Linguas e estará conducida pola escritora Ledicia Costas
Publicado por o día 23/09/2018 na sección de Deputación de Pontevedra

A Deputación organiza unha festa literaria para poñer en valor o papel dos premios de literatura, investigación e xornalismo na provincia

Baixo o lema ‘Unha lingua de premio’, o Servizo de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra organiza unha festa literaria co obxecto de poñer en valor o papel que os premios de literatura, xornalismo e investigación tiveron historicamente no mantemento e normalización da lingua galega.

A festa, que foi presentada esta mañá polo deputado Xosé Leal e pola escritora Ledicia Costas, terá lugar no Salón de Plenos do Pazo provincial o vindeiro 26 de setembro, coincidindo co Día Europeo das Linguas. “Pontevedra vístese de festa, porque temos moito que celebrar e moito que festexar, e eu creo que temos unha lingua de premio pero que moitas veces nos esquece” afirmou Ledicia Costas, que será a encargada de conducir o evento.

A escritora e membro da xunta directiva da AELG falou da necesidade de contar con actos que recoñezan o labor creativo no campo da literatura e asegurou que esta festa “é un xeito de poñernos en valor, tanto a nosa lingua e a nosa cultura, como as creadoras e creadores do país”. Afirmou, ademais, que “eu doume conta, despois de andar por todo o Estado, de que na Galiza estamos á cabeceira en talento na literatura, na música e en todas as disciplinas, e ás veces o que nos falta é crelo un pouquiño”. A festa literaria, que comezará ás 19:30 h, incluirá ademais de intervencións institucionais, unha serie de accións nas que a literatura dialogará con outras disciplinas.

O deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, explicou que a música estará representada pola banda Xardín Desordenado, que interpretará poemas musicados, mentres que as artes escénicas correrán a cargo das actrices Iria Pinheiro e Ailén Keidelman, que prepararán unha pequena peza teatral na que darán cabida ás gañadoras e gañadores da edición 2017 dos premios que se convocan na provincia. Tamén estará presente o deseño a través da ilustradora Paula Pereira, que realizará unha peza de cerámica cun deseño ad hoc para este evento, que será a peza que se lle entregará a Manuel Bragado e á organización do Festival da Poesía do Condado.

No eido do audiovisual, proxectarase un vídeo que recolle espazos físicos – a través de imaxes dos concellos convocantes– e os espazos de creación –a través da lectura de fragmentos das obras premiadas na última convocatoria de cada certame–, para conxugalos nun único produto que sirva para poñer en valor a aposta por crear e por manter os premios. O vídeo será proxectado na festa literaria e, posteriormente, en redes sociais.

O deputado nacionalista tamén anunciou que se instalará unha moqueta no Pazo provincial “polo simbolismo que as alfombras vermellas tiveron sempre nas grandes galas”. Con esta acción o que se pretende é a posta en valor da historia dos premios, xa que na moqueta se imprimirán todos os nomes das obras e autoras e autores gañadoras de todos os premios da provincia desde a súa primeira convocatoria ata o ano 2017. Leal explicou que para este evento se están tomando como referencia as convocatorias do ano 2017, porque as do 2018 aínda non están todas falladas. Ademais, todas as autoras e autores de obras gañadoras en convocatorias do ano 2017 foron convidadas a enviar fragmentos das súas para elaborar marcapáxinas que se lle entregarán ás persoas asistentes ao acto.

Xosé Leal tamén explicou que nesta festa literaria se dará cabida fundamentalmente aos premios que emanan de convocatorias de concellos da provincia e que en moitos casos contan co apoio da Deputación de Pontevedra, a través das axudas a programas de dinamización do galego –creadas no presente mandato–. Por iso, nesta primeira edición desta festa se recollen explicitamente os 17 premios de creación literaria en teatro, narrativa e poesía, de investigación e de xornalismo, convocados por 10 concellos e pola FANPA de Pontevedra. Por último, tanto o deputado de Cultura e Lingua como Ledicia Costas expresaron o seu desexo de que esta cita teña continuidade en anos posteriores.

Intervencións e recoñecementos

Neste acto tamén se aproveitará para realizar recoñecementos simbólicos a unha entidade e a unha persoa que contan cunha destacada traxectoria a prol da literatura e da lingua en galego, que serán o Festival da Poesía do Condado e Manuel Bragado. Xosé Leal afirmou que se elixiu o Festival da Poesía do Condado porque “é unha rara avis no noso país que temos que seguir potenciando e recoñecendo pola súa gran labor a prol da lingua, da literatura e da nosa identidade como pobo”. En canto a Manuel Bragado, o deputado asegurou que “ademais da súa coñecida labor no mundo da edición, tamén tivo unha estreita relación con moitos dos premios que se fallan na provincia”, mentres que Ledicia Costas o cualificou como “unha persoa que entregou a súa vida á literatura”.

Ademais dos recoñecementos, a festa literaria tamén contará coas intervencións institucionais da presidenta da Deputación, Carmela Silva, do deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, da propia Ledicia Costas, que ademais de conducir o acto tamén fará unha pequena intervención sobre a súa visión da literatura e a cultura galegas, de Malores Villanueva, que intervirá como membro de xurados literarios – nas convocatorias de 2017 participou no do II Premio de Relato Nélida Piñón e no do Premio Viaductos de Novela-, e Francisco Feire da FANPA de Pontevedra, por ser a entidade que convoca un premio de relato curto desde o ano 2013 no que convida a participar a todo o alumnado da provincia de Pontevedra, á comunidade educativa e ás familias do alumnado.

Premios e concellos

Premio de Poesía Johan Carballeira. Concello de Bueu

Gañadora: María Reimóndez. Obra: Galicia en bus

 

Premio de Xornalismo Johán Carballeira. Concello de Bueu

Gañadoras Ex aqueo

Montse Dopico pola reportaxe Galaxia vs GalaxiaA construción de hexemonía cultural.

María Obelleiro Hermida por O apartheid sanitario na Galiza.

 

Premio Matilde Bares de relatos de igualdade. Concello de Bueu

Deserto na convocatoria 2017

 

Premio de Teatro Romaría ViKinga. Concello de Catoira

Gañadora: Carla Villanustre. Obra: Eternidade

 

Premio de Relato Breve Nélida Piñón. Concello Cerdedo-Cotobade

Gañador: Daniel Asorey. Obra: Anatema (fallado en 2018)

 

Premio de investigación en Humanidades e Ciencias sociais

‘Olimpio Arca’. Concello de Cuntis

Gañador. Xosé Fuentes Alende. Obra: Os exvotos na relixiosidade popular galega.

 

Premio de novela Manuel García Barros. Concello da Estrada

Gañador: Marcos Calveiro. Obra: O xardineiro dos ingleses.

 

Premio de poesía Avelina Valladares. Concello da Estrada

Gañadora: Carmen Caramés. Obra: As idades perdidas.

 

Premio de Teatro MOME Varela Buxán. Concello da Estrada

Gañadora: Fernando Castro Paredes. Obra: Pallaso

 

Premio Xornalístico Manuel Reimóndez Portela. A Estrada

Gañador: Armando Requeixo, polos artigos: “Rosalía voa alto”, “Palabras para o Alén”, “Lingua Zombi”, “Cando iso non pode pasar aquí” e “De rosas e letras”.

 

Premio de poesía Manuel Lueiro Rey. Concello de Fornelos de Montes

Gañador: Antón Lopo. Obra: Corpo

 

Premio xornalístico Manuel Lueiro Rey. Concello de Fornelos de Montes

Gañador: Xoán Carlos Domínguez Alberte, polo artigo O segredo mellor gardado.

 

Certame de Relato Curto FANPA de Pontevedra

Categoría Primaria: Nuria Costas Misa. Un gran cambio.

Categoría Secundaria: Olalla Castrillo Sánchez. Xiros de luz.

Categoría BAC: Paula Estévez Casales. Báratro.

Categoría adultos: Sergio Meis Casalderrey. Verbas esquecidas.

 

Certame ‘Balbino’ de relato curto. Concello de Vila de Cruces

Gañador: Ricardo Cid. Obra: De que falarán as árbores.

 

Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo. Concello de Valga

Gañador: Rafael Quintía. Obra: Ritualista protectora, obxectos curativos e uso de amuletos na cultura popular galega

Gañadora: Natalia Sueiro Monje. Obra: A veiga máxica. Rescate da cosmovisión popular no municipio de Valga.

 

Premio Viadutos de Novela. Concello de Redondela

Gañadora: Ana R. Figueiredo. Obra: Os bicos Feridos (fallado en 2018)

 

Premio Lueiro Rey de Novela Curta. Concello do Grove

Gañador: Lionel Rexes. Obra: A raíña das velutinas.