A Deputación quere poñer fin a varias décadas de atrancos e promesas incumpridas para a recuperación do xacemento arqueolóxico de Adro Vello, en O Grove, e para elo suxire a creación inmediata dunha comisión na que estean sentadas tódalas Administracións con competencias sobre este ámbito, é dicir, a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, o Concello de O Grove, o Servizo de Costas do Estado e a propia Deputación de Pontevedra. Así o defendeu o deputado provincial Carlos Font durante a visita ao espazo patrimonial xunto co alcalde, José Cacabelos.
A creación desta Comisión interadministrativa foi solicitada hoxe oficialmente pola Deputación a tódalas institucións implicadas. Na mesma comunicación avanzouse o cronograma de traballo determinado polos técnicos provinciais para que sexa avaliado na primeira xuntanza da comisión e marcar así unha folla de ruta crible e que sirva para superar tódolos atrancos históricos que ata agora impediron unha actuación coordinada.
Carlos Font subliñou que “é o momento de pasar páxina tras varias décadas de promesas incumpridas”. Destacou que “toca sentarse, desatascar as actuacións urxentes e programar o que hai que facer a medio e longo prazo para comezar a casa por onde hai que comezala, en lugar de polo tellado”. “Aquí xa non se trata de manter vivas polémicas artificiais, senón de expresar que dende a Deputación estamos dispostos a colaborar para que este xacemento tan importante siga nesta situación de deterioro e que iso implica, necesariamente, colaboración institucional de tódalas partes implicadas”.
José Cacabelos declarou que Adro Vello “ten que estar por enriba de Concellos, Deputacións e Xuntas de Galicia, porque estas pedras son a orixe de San Vicente e aquí, nos anos 80, atopouse o vestixio da famosa “traslatio” e a moeda que é insignia do Xacobeo 2021-22″. O alcalde deixou claro que as competencias patrimoniais en Galicia corresponden á Xunta de Galicia “porque pretender cousas como que o servizo de limpeza do Grove veña aquí a limpala vexetación, cando a Xunta ten técnicos especializados parece absurdo”. “No Grove de compromisos e de anuncios autonómicos xa estamos moi fartos, queremos feitos; aquí viu un conselleiro sen que llo pedira ninguén a anunciar a declaración como Ben de Interese Cultural (BIC)”. Lembrou, ademais, que hai unha vella moción plenaria urxindo esa declaración como BIC e que, lonxe de camiñar nesa dirección, moi recentemente a Consellería de Medio Ambiente impediu a consolidación da duna, nunha pequena actuación programada polo Concello, diante da inacción do Goberno galego, para evitar que se sigan producindo danos pola acción das mareas.
Carlos Font explicou que a comisión interadministrativa deberá fixarse un calendario moi concreto que comece con metas a curto prazo para acometer as obras máis urxentes, consistentes na contención da duna, reposición do valado e limpeza manual, a fin de protexer o xacemento da acción das mareas e impedir que se reproduzan danos como os acaecidos no verán de 2020. A este respecto referiuse aos impedimentos ao proxecto do Concello de O Grove, co asesoramento dos servizos de Arqueoloxía da Deputación e coa opinión favorable do Servizo de Arqueoloxía da Xunta, para a contención da duna. “Ou sexa, que a Xunta de Galicia, máxima responsable da protección do patrimonio cultural, nin fai, nin deixa facer e o resultado é que dende o verán pasado estase a permitir o deterioro do xacemento”. As actuacións a curto prazo completaríanse coa tramitación rápida e áxil por parte da Xunta de Galicia para a declaración do BIC, trámite prometido, recalcou Carlos Font, polo ex-conselleiro de Cultura o pasado 26 de febreiro de 2020, “pero, a día de hoxe, non se fixo nada”.
En paralelo, a Deputación propón como medida a curto prazo que a Consellería de Medio Ambiente solicite a titularidade da concesión do dominio marítimo-terrestre nestes terreos a fin de facilitar tódalas actuacións futuras. A primeira parte do cronograma remata coa redacción dun Plan Director do xacemento por parte dun equipo multidisciplinar con persoas expertas en urbanismo, arqueoloxía e medio ambiente.
As actuacións a medio prazo, xa co Plan Director aprobado, consistirían en redactar un proxecto de escavación e consolidación da área arqueolóxica. Avanzaríase tamén no proxecto de musealización. Finalmente, as actuacións a longo prazo, unha vez posta en valor a zona xa escavada a día de hoxe, valorarían o cambio de trazado da estrada provincial, a intervención na zona afectada pola estrada e a musealización nas novas zonas de intervención. A Deputación subliña que este concreto cronograma debe tamén ter en conta que o xacemento foi incluído no proxecto provincial Trazas de Pontevedra, da Deputación e o Ministerio de Fomento no que xa está previsto o cambio do peche perimetral e a incorporación de sinaléctica explicativa en varios tramos do perímetro, pero o proxecto non está pechado toda vez que Costas do Estado comunicou a necesidade de que lle soliciten a concesión dos terreos para que a Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta poida autorizar as obras.
O desvío da estrada foi prometido no ano 2000 e incumprido ata 2015
Por outra banda, Carlos Font destacou que a estrada de San Vicente foi incorporada á rede provincial no ano 1936 e, dende entón, non sufriu ningún tipo de alteración de trazado. A única referencia sobre a posible modificación data do ano 2000, cando o ex-presidente provincial, Rafael Louzán, anunciou a intención de facer unha variante previo acordo coa Consellería e Costas. “Sen embargo”, destacou Carlos Font, “nos 15 anos seguintes, ata que Louzán deixou a presidencia da Deputación, tampouco se fixo nada”.
Durante a xuntanza mantida esta mañá, Deputación e Concello concordaron na necesidade de insistir na creación desta Comisión Interadminsitrativa para sacar o xacemento de Adro Vello “dun debate estéril de confrontación política” cando hai moito traballo que facer, en distintas frontes, e que, necesariamente, precisa de colaboración institucional das catro Administracións implicadas.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.