A Deputación pon en marcha a campaña “Somos historias, somos sostibles”

Con motivo do Día Internacional do Medio Ambiente, o goberno de Carmela Silva súmase ao rexeitamento dos plásticos
Publicado por o día 05/06/2018 na sección de Deputación de Pontevedra

A Deputación pon en marcha a campaña “Somos historias, somos sostibles”

Con motivo do Día Internacional do Medio Ambiente, o goberno de Carmela Silva, vén de anunciar a súa nova campaña de sensibilización “Somos historias, somos sostibles”. A iniciativa, coa que a institución provincial se suma ao rexeitamento dos plásticos, arrancará de cara ao verán e estará destinada á poboación usuaria das praias da provincia de Pontevedra, aos festivais RíasBaixasFests e a Festas de Interese Turístico da provincia.

A presidenta da Deputación anunciou que os obxectivos de “Somos historias, somos sostibles” será a concienciación da sociedade sobre a necesidade da recollida dos residuos máis nocivos nestes entornos: as cabichas e os plásticos. Segundo sinalou Carmela Silva “a proposta vaise basear nunha acción participativa na que o público realizará accións simbólicas de recollida destes materiais e a cambio poderán beneficiarse de sorteos de entradas para festivais na edición do 2019 ou outro tipo de premio similares”.

A campaña, enfocada cara o turismo sustentable, vai contar con recursos materias e recursos humanos de apoio. No que respecta aos recursos materiais, a institución provincial proporcionará unha carpa de recepción personalizada encargada de facer un chamamento á sociedade, 50.000 unidades de envases (fabricados con cartón ecolóxico e reciclable) para cabichas e pequenos residuos,  catro soportes rolling (para a exposición de información, datos, imaxes e gráficas), tres urnas transparentes para o depósito dos residuos que entreguen os participantes e, enfocado ao público máis novo, tamén haberá 2.200 unidades de frisbees personalizados coa imaxe da campaña.

En canto aos recursos humanos, tres monitoras e monitores ambientais terán a misión de concienciar e facer participar á poboación e unha persoa será a responsable de dirixir e canalizar a correcta execución da campaña.

En 2015, a produción mundial de plásticos chegou a 322 millóns de toneladas e espérase que, nos vindeiros vinte anos, esta cifra se duplique. A presidenta da institución provincial amosou a súa preocupación ante esta situación que se está a vivir na actualidade nos océanos, “nos últimos días temos visto nos distintos medios de comunicación como moitos animais están a morrer pola inxesta deses plásticos. Con esta campaña queremos loitar contra esta realidade e intentar que estes datos diminúan” destacou Silva.