A Deputación pon en valor o centro de Crecente acondicionado a contorna do centro de saúde, o colexio, a residencia e o pavillón de deportes

Os deputados Carlos Font e Santos Héctor, xunto ao alcalde, Julio César García-Luengo, visitaron as actuacións emprendidas no Plan DepoRemse, cun investimento de 426.000 euros, así como a mellora realizada na EP-5005
Publicado por o día 11/08/2020 na sección de Deputación de Pontevedra

A Deputación pon en valor o centro de Crecente acondicionado a contorna do centro de saúde,  o colexio, a residencia e o pavillón de deportes

O núcleo municipal de Crecente afronta unha completa transformación grazas ás obras de mellora integral da mobilidade e accesibilidade executadas no marco do Plan de Mellora da Seguridade dos Viarios Municipais (DepoRemse) da Deputación de Pontevedra. Os deputados provinciais Carlos López Font e Santos Héctor, acompañados polo alcalde, Julio César García-Luengo, visitaron hoxe esta actuación, na que a institución provincial investiu 426.300 euros. Aproveitaron tamén para revisar as obras de emerxencia que a Deputación levou a cabo a fin de mellorar a seguridade viaria na estrada EP-5005 ao seu paso polo núcleo de Crecente, cun orzamento de preto de 60.000 euros.

As obras do plan DepoRemse están financiadas integramente pola Deputación (o 10% de achega municipal foi con cargo ao Plan Concellos 2019) e poñen en valor esta parte do núcleo de Crecente, cunha actuación para mellorar a seguridade ao abeiro do modelo de mobilidade que está a desenvolver a Deputación en toda a provincia. A zona onde se actuou é de especial tránsito, xa que nela se sitúan os equipamentos do Centro de Saúde, a Residencia da Terceira Idade, o CEIP Plurilingüe Manuel Sieiro e a zona deportiva do pavillón municipal e o ximnasio.

As obras están practicamente rematadas, a falta só de realizar o asfaltado final nun tramo por parte da empresa adxudicataria e o correspondente pintado da sinalización horizontal. Máis polo miúdo, para mellorar a accesibilidade na zona, proxectouse a pavimentación da calzada en todos os viarios existentes e habilitáronse beirarrúas (todas de 1,80 metros de ancho agás as da parte posterior das vivendas de mestres, de 1,35) en tramos nos que non existían, mentres que se substituíron outras en mal estado. Así mesmo, con esta actuación créanse novos pasos de peóns, regúlase o tráfico e delimítanse zonas de aparcadoiro, ademais de soterrar as redes eléctrica, de alumeado público e telefonía e repoñer servizos e instalacións nas redes de abastecemento, pluviais e saneamento. Os traballos complétanse co pintado en todos os viarios e pasos de peóns, así como coa nova sinalización vertical (con 20 sinais novas) e incluíron tamén a reposición do muro de peche e contención do CEIP.

Como destacou o deputado Carlos López Font, esta ambiciosa actuación, “que vai cambiar a calidade de vida dos veciños e veciñas de Crecente”, se enmarca no proxecto integral de mobilidade co que se rexe a institución en toda a provincia: “Certamente, o modelo da Deputación é dunha mobilidade para o século XXI _apuntou_. Onde antes ocupaban o espazo os coches, hoxe o teñen que ocupar as persoas. É unha satisfacción ver unha actuación como esta que serve para mellorar a calidade de vida das veciñas e veciños. É unha obra que o ten todo e desenvolvida nun núcleo urbano, onde están o Centro de Saúde, a residencia, o ximnasio e o pavillón. Polo tanto, este ámbito vaise converter nun dos centros neurálxicos de convivencia da veciñanza. Para nós é unha satisfacción de que este DepoRemse sexa unha realidade”. Font felicitou ao alcalde por ter impulsado un proxecto destas características. “En definitiva _concluíu Font_, estamos a apostar polos concellos pequenos. Son os que máis o necesitan. E fixar poboación no ámbito rural é un obxectivo de todos e todas”.

Mellora na EP-5005

Doutra banda, no que se refire ás obras da EP-5005 A Cañiza-Pousa ao seu paso polo núcleo de Crecente, a Deputación tivo que actuar de urxencia tras constatar mediante inspección a existencia de desprendementos no noiro situado a carón da estrada. A caída de pedras tiña provocado a restrición da circulación. A actuación acometida agora implicou a construción dun novo muro para mellorar a seguridade do viario e, na mesma, investíronse preto de 60.000 euros. “É unha obra que quedou moi ben e solucionou o problema”, apuntou Font.

O deputado lembrou que no marco do Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra, Crecente ten asignado un total de 393.000 euros, unha dotación económica que financia boa parte das actividades municipais, pois servirá para acometer un total de 12 obras, ao tempo que permitirá a execución dunha iniciativa sociocultural e a contratación de 9 traballadoras/es para a realización de diversas funcións no marco das competencias municipais.

Pola súa banda, o alcalde, Julio César García-Luengo destacou que esta obra do plan DepoRemse “é magnífica e foi moi ben aproveitada”. “Tiñamos problemas de acceso ao CEIP _explicou_; ao pavillón, á residencia municipal, ao Centro de Saúde e á gardería e grazas a este proxecto, hoxe os veciños e veciñas de Crecente poden desfrutar desta impresionante obra, na que se aproveitou todo o orzamento, próximo aos 500.000 euros. Quero agradecer tamén á presidenta Carmela Silva o proxecto do ximnasio que se realizou co Plan Reequilibrio e que imos inaugurar dentro dun mes. Son obras magníficas para un concello pequeno e rural como é Crecente e creo que grazas a isto é máis doado fixar poboación”. Tamén subliñou a axilidade da institución provincial á hora de solucionar o problema da EP-5005: “Nun mes estaba a obra realizada”

Comentar noticia

Your email address will not be published.