A Deputación presenta en Redondela a campaña de igualdade que realizará no “SinSal Son Estrella Galicia” aos colectivos chamados a intervir

Axentes de igualdade, do CIM, representantes da Policía Local e da Policía Nacional e Concello coñeceron de primeira man as campañas #LembraEuDecidoTiRespectas e #ContaComigoEuRespectote
Por o 26/07/2018 | Sección: Deputación de Pontevedra,Galicia,Pontevedra
A Deputación presenta en Redondela a campaña de igualdade que realizará no “SinSal Son Estrella Galicia” aos colectivos chamados a intervir

A Deputación de Pontevedra, no marco das accións da campaña de Igualdade que está a estender durante este verán con motivo dos #RíasBaixasFests, entre os que se atopa o “Sin Sal Son Estrela Galicia”, convocou no concello de Redondela unha reunión informativa na que presentou as campañas #LembraEuDecidoTiRespectas e #ContaComigoEuRespectote. A través desta actuación, posta en marcha pola institución provincial por segundo ano consecutivo, preténdese informar e previr as violacións en cita e as agresións por submisión química.

Na reunión participaron a axentes de igualdade, do CIM de Redondela, representantes da Policía Local e da Policía Nacional e Concello, que velarán polo normal desenvolvemento do festival e garantirán a seguridade de todas as persoas que acudan ao evento. Durante o encontro, as técnicas de Igualdade da Deputación explicaron os obxectivos das campañas de Igualdade e fixeron fincapé en que, este ano, estase a dar un paso máis cara a implicación dos mozos na campaña coa finalidade de que amosen o seu rexeitamento ante este tipo de conductas, non sexan cómplices e se sitúen fronte aos agresores ao tempo que se promoven relacións en igualdade baseadas no respecto.

Ademais da presentación das campañas, durante a reunión entregouse material informativo para situar no posto da Garda Civil, da Policía Local e nas dependencias municipais. Igualmente facilitáronse recomendacións para unha axeitada atención dende a perspectiva de xénero ás vítimas deste tipo de delitos e realizouse unha análise da resposta á hora de intervir, revisando os protocolos específicos de cada un dos ámbitos representados na reunión e apostando pola coordinación. Tamén se fixo énfase na importancia da perspectiva de xénero no marco dos traballos a realizar para garantir o normal desenvolvemento do festival e a seguridade das persoas participantes, amosando exemplos de boas prácticas e repasando os principais problemas que se atopan as e os profesionais á hora de intervir.

O goberno de Carmela Silva ten previsto realizar estas accións informativas e de coordinación cos colectivos de atención ao público en todos os concellos nos que se levarán a cabo os #RiasBaixasFests, co fin de proporcionar ferramentas e desenvolver protocolos de colaboración e coordinación ante unha posible agresión sexual.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.