A Deputación presenta o plan estratéxico dos fondos europeos aos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia

Ábrese un período de dez días para que os gobernos locais poidan remitir propostas que teñan xa elaboradas para incorporalas ao Plan. “Queremos, como non pode ser doutra forma, que neste proxecto participen os concellos”, asegurou Silva
Publicado por o día 01/02/2021 na sección de Deputación de Pontevedra

Todos os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia déronse cita esta mañá para coñecer de primeira man o Plan Estratéxico Provincial dos Fondos Europeos que lanzou a Deputación de Pontevedra e ten como retos prioritarios a cohesión territorial, a transición verde, a igualdade e a dixitalización. A presidenta provincial Carmela Silva e o vicepresidente César Mosquera presentaron os eixos centrais desta iniciativa, que conta con dez programas, 54 proxectos e suporá a mobilización de máis de 300 millóns de euros, e abriron a posibilidade de que os concellos da provincia poidan remitir, nun prazo de entre unha semana e dez días, propostas que teñan xa elaboradas para incorporalas ao plan.

“Somos unha das deputacións provinciais de Galicia e do Estado que fixo este enorme esforzo de análise para transformar de verdade a provincia de Pontevedra e queremos, como non pode ser doutra forma, que neste proxecto participen os concellos”, asegurou Carmela Silva no encontro. Deste xeito, a presidenta pediu ás alcaldesas e aos alcaldes que aporten aquelas ideas ou iniciativas nas que están a traballar para mellorar os seus concellos: “queremos presentar proxectos concretos, exemplificar o que os concellos demandan en cada unha das dez liñas do plan e enviar aos ministerios competentes. Sabemos que vai ser complicado conseguir os 300 millóns de € pero imos traballar moito e facer un gran esforzo, temos xa unha planificación e proxectos estrela moi claros para captar o maior número posible de fondos europeos”.

Neste eido o vicepresidente César Mosquera pediu aos alcaldes e alcaldesas “a colaboración de todas e de todos”, un esforzo por concretar as ideas, avanzar xestións e tramitar as autorizacións necesarias dos proxectos que consideren estratéxicos para os seus municipios e polos que queiran apostar para obter fondos europeos. “Tedes que pensar que é o máis importante para o voso concello e ir a tiro fixo para avanzar”, subliñou. Destacou que “esa é a maneira intelixente de funcionar, a nai do año, porque a idea é que os fondos se gasten en canto estean as liñas para reactivar a economía”. “Ou nos adiantamos e tempos preparados os proxectos ou non vai funcionar. Temos que ser proactivos e non agardar a ver que cae para colocarme”, insistiu, “se os proxectos están ben feitos sempre serven, se non para estes fondos, para outros”.

“Queremos estar –asegurou Carmela Silva- nunha boa posición de saída, coas ideas claras, analizando as grandes liñas que van poder ser financiadas a partir das necesidades da provincia de Pontevedra e formulando proxectos para dez anos vista”. Deste xeito, e tal e como se explicou no encontro coas alcaldesas e os alcaldes, o Plan desenvolve 10 programas cun total de 54 accións, nas que se aplicará a perspectiva de xénero e a igualdade de xeito transversal. Está, amais, aliñado cos catro eixos definidos pola Unión Europea, coas dez políticas panca do Plan de Transformación, Recuperación e Resiliencia do Goberno do Estado, cos cinco obxectivos de política de cohesión europea 2021/2027 e coa Axenda 2030. “Todas as propostas -informou Silva- están deseñadas para chegar, por unha banda, a todos os concellos de menos de 50.000 habitantes para a modernización, dixitalización, transición a unha administración comprometida cos valores medioambientais, e, por outra, para a modernización da propia institución provincial”.

En concreto, os 10 programas van estar centrados, tal e como explicou a presidenta, na cohesión territorial, para dotar ao territorio de equipamentos e dotacións para garantir a prestación de servizos e dereitos; nos coidados e inclusión social, incluíndo neste eido a modernización e dixitalización de cuestións encamiñadas a implantar un novo modelo de coidados; no emprendemento e formación laboral, para formar á cidadanía nos novos modelos de actividade económica e achegarlle os instrumentos necesarios para integrarse nos mesmos; no avance do turismo intelixente e sostible; na cultura, para fortalecer a industria cultural e o talento da provincia; e na administración eficiente e innovadora, para modernizar a relación da administración coa veciñanza e fortalecer as capacidades dixitais da cidadanía.

Pola súa banda o vicepresidente explicou outros dos programas que se inclúen no Plan Estratéxico Provincial de Fondos Europeos como son a axenda urbana e mobilidade sostible, na que xa están a traballar gran parte dos concellos e que vai encamiñada a reconverter o espazo público; a economía circular, á que cualificou como “o camiño que temos que seguir” en referencia á xestión dos biorresiduos ligados ao sector primario, destacando a necesidade de “dar o salto e contar coa colaboración de todas e de todos”; a dixitalización, eficiencia enerxética e posta en valor dos recursos patrimoniais e a transición verde e protección hídrica e forestal.

Amais do Plan Estratéxico Provincial dos Fondos Europeos a presidenta tamén detallou ás alcaldesas e alcaldes que a Deputación está a presentarse a todas as manifestacións de interese que o goberno está publicando. Así, Silva informou que xa ten adiantado proxectos adaptados e centrados nos concellos de menos de 5.000 habitantes e que tamén está a traballar en iniciativas relacionadas coa implantación do 5G. Neste eido, a presidenta expresou a vontade de que os concellos poidan tamén presentar proxectos no marco destas manifestacións de interese e amosou o compromiso de enviarlles información puntual das convocatorias.