A Deputación presentará o vindeiro mércores a nova marca de calidade cos festivais de cinema e audiovisuais da provincia

Carmela Silva: “Ao igual que fixemos cos Rías Baixas Fest, queremos amosar a calidade e excelencia do noso sector audiovisual o destino Pontevedra provincia”
Publicado por o día 17/07/2020 na sección de Deputación de Pontevedra

A Deputación presentará o vindeiro mércores a nova marca de calidade cos festivais de cinema e audiovisuais da provincia

A presidenta da Deputación de Pontevedra confirmou hoxe que o vindeiro mércores, 22 de xullo, terá lugar a presentación da nova marca provincial de calidade dos festivais de cinema e audiovisuais que integrará a Cans (Porriño), Play Doc (Tui) FIC Bueu, Novos Cinemas (Pontevedra), Galicia Freaky Film (Vigo), Primavera do Cine (Vigo), Festival de Cine Inclusivo (Vigo) e Curtas Fest (Vilagarcía). “Queremos con esta marca –asegurou Carmela Silva-, ao igual que fixemos cos Rías Baixas Fest, amosar a calidade e excelencia da provincia, promover o sector audiovisual e tamén o destino Pontevedra provincia”.

Como destacou a presidenta, “damos un paso máis de apoio a uns festivais que cada día son máis potentes, nos sitúan a nivel nacional e internacional e encarnan o que queremos que sexa a provincia: unha referencia en todo”. Ademais, a nova marca pretende que “o noso cinema entre noutros circuítos de promoción da provincia, amais do cultural, como é o turístico, xa que entronca co noso modelo centrado na cultura, na sustentabilidade e na Axenda 2030”.

Precisamente hoxe, o goberno provincial vén de aprobar subvencións por valor de 130.000€ para o desenvolvemento dos festivais. “Este ano vanse manter todos, aínda que cambiando as datas e reducindo aforos, por mor da Covid-19″, asegurou Carmela Silva, quen detallou que ” imos permitir ademais que poidan xustificar gastos que teñan que ver con esta excepcionalidade, así como aqueles derivados de campañas de promoción cara o 2021″. Amais, Deputación e  festivais xa dispoñen dun protocolo común de protección e seguridade para os eventos deste ano, no que a institución tamén pon á súa disposición materiais como ferramentas para medir a temperatura ou controlar aforos, a fin de garantir a seguridade das persoas que se acheguen ata eles.

Comentar noticia

Your email address will not be published.