A deputación propón conectar a estrada provincial das Neves coa N-120 en Ponteareas cunha nova avenida

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez presentou hoxe o proxecto realizado polo seu departamento, que propón retirar o tráfico de paso da vila e facilitar a mobilidade peonil e ciclista
Publicado por o día 30/01/2019 na sección de Deputación de Pontevedra

A deputación propón conectar a estrada provincial das Neves coa N-120 en Ponteareas cunha nova avenida

A Deputación de Pontevedra presentou hoxe en Ponteareas o proxecto para construír unha nova avenida que unirá a estrada provincial Ponteareas-As Neves coa N-12o. Esta nova estrada, segundo explicou o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, permitirá eliminar o tráfico de paso da vila, mellorar a mobilidade peonil e ciclista, e recuperar o espazo público do centro urbano para as persoas.

O deputado explicou que a nova avenida é unha proposta plantexada polo Estudo de Mobilidade financiado pola Deputación en 2017 -que recibiu o premio da Bienal de Arquitectura- e que xa está incluída no Plan Xeral en tramitación. Apuntou que a nova estrada é unha estrutura interna xerarquizante para a zona sur do concello que funcionará como un ‘corredor verde’ para conectar os espazos de ensino da zona mediante liñas camiñables e ciclables, servindo ademais como “contenedor” dos tráficos pesados e modificando o carácter dos trazados a partir deste punto.

Benítez explicou que a Deputación decidiu avanzar na proposta da nova vía debido á a demora da Xunta na aprobación do planeamento de Ponteareas e subliñou que agora que o proxecto está redactado continuarase a súa tramitación a través dun plan sectorial provincial. “Dende a Deputación actuamos deste xeito porque sabemos que é fundamental para o Concello ter unha estrutura viaria xerarquizada para eliminar tráficos de paso, avanzar na recuperación do espazo público para as persoas no núcleo da vila, e tecer equipamentos educativos, zonas verdes e viario para fomentar os tránsitos peonís e ciclables fronte ao vehículo privado”, explicou Benítez.

A nova avenida, segundo detallou Benítez na presentación feita xunto ao alcalde Xosé Represas e a tenente de alcalde Chus Garrote, terá unha lonxitude duns 760 metros e partirá da glorieta existente na EP-4006 Ponteareas-As Neves nas inmediacións do Parque das Pombas, seguirá ata cruzar nunha nova glorieta a rúa Trovador Xoán García de Guillade, e finalizará na N-120 cunha intersección con cuñas de aceleración e deceleración.

O tronco principal, dixo Benítez, contará cunha calzada de dous carrís de tres metros cada un con 0,5 metros de beiravía. A principal singularidade da nova estrada será a creación por ambas

marxes dunha liña verde lonxitudinal de 2,20 metros paralela á beirarrúa de 3,30 metros. Diferéncianse e priorízanse así claramente os espazos de peóns fronte aos do vehículo privado coa intención de facilitar e promover os desprazamentos a pé da veciñanza en condicións de seguranza viaria e comodidade. De feito, incorpóranse ao deseño varios pasos de peóns sobreelevados que permitirán aos peóns manterse na mesma cota fronte aos coches, que deberán modificar a súa rasante e reducir a velocidade. Tamén se inclúen no proxecto a drenaxe e alumeado da vía, con luminarias último modelo en ambas marxes

Benítez explicou que a nova avenida, segundo o proxecto redactado a iniciativa do departamento de Mobilidade da Deputación, terá un orzamento de preto de dous millóns de euros, aos que haberá que sumar o valor dos terreos necesarios para a súa construción.

Pola súa banda, o Alcalde de Ponteareas amosouse “moi satisfeito” porque o proxecto “supón un novo paso para mellorar a calidade de vida en Ponteareas”. Represas salientou “a colaboración do Concello con outras administracións como a Deputación que permiten dar solucións e resposta ás nosas necesidades e aspiracións”. O alcalde engadiu que “agora o noso reto é negociar o financiamento da obra, no que poderemos participar logo de ter saneado economicamente o Concello o pasado ano”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.