A Deputación recorda a Nidia Arévalo que é o Goberno de España quen fai a regularización catastral e que ORAL límitase a facer a recadación a petición do propio Concello de Mos

O deputado de Facenda remitiu hoxe una carta ás máis de 2000 persoas afectadas para anunciar que “no instante no que a Alcaldesa nos de a instrución de paralizar a recadación, farémolo sen ningún tipo de obxección”
Por o 13/03/2018 | Sección: Deputación de Pontevedra,Mos
A Deputación recorda a Nidia Arévalo que é o Goberno de España quen fai a regularización catastral e que ORAL límitase a facer a recadación a petición do propio Concello de Mos

O deputado de Facenda do goberno da Deputación de Pontevedra, Carlos López Font, remitiu hoxe unha carta ás máis de 2000 veciñas e veciños de Mos, afectados pola regularización catastral, ante as informacións aparecidas, en nome da Alcaldesa Nidia Arévalo na páxina Web do Concello, “que nos resultan totalmente improcedentes e desafortunadas, nun groseiro intento de  confundir a cidadanía sobre as responsabilidades de este procedemento recadatorio”

No escrito á veciñanza, o deputado provincial volveu a insistir en que a regularización catastral en Mos foi posta en marcha polo Goberno de España ao través dunha resolución da  Dirección Xeral do Catastro, “sen que mediara queixa formal algunha do Concello e da súa Alcaldesa”. Carlos Font engadiu que a revisión dos Bens Inmobles e a determinación dos que resultaron afectados por esta regularización a levou a cabo a  empresa IBERCAT, contratada polo Ministerio de Facenda, e que, ademais, “foi a petición do Concello de Mos, que o Organismo Autónomo de Recadación local (ORAL), dependente da Deputación de Pontevedra, iniciara exclusivamente o procedemento de recadación”. De feito, dixo o deputado, “os fondos recadados ingresaranse directamente nas contas do Concello ao tratarse de Impostos dos Bens Inmobles (IBI)”

O deputado de Facenda cualificou de “lamentable” que unha vez que ORAL inicia o traballo encargado polo goberno de Nidia Arévalo, “a Alcaldesa tenta confundir a veciñanza publicando na súa Web información mal intencionada coa que pretende facer crer  que o ORAL é o organismo que ten a responsabilidade sobre este imposto”. Por elo, Carlos Font anuncia na carta, remitida ás veciñas e veciños afectados, que “en aras da transparencia, lle comunico que a Deputación de Pontevedra, a través do seu servicio de Recadación ORAL, no mesmo instante no que a Alcaldesa nos de a instrución de paralizar a recadación dos impostos derivados de esta regularización, o faremos sen ningún tipo de obxección”.

Finalmente, o deputado provincial lembra no escrito que “ante a falta de información ofrecida a veciñanza ante este procedemento por parte do goberno de Mos, a Deputación decidiu trasladar ao propio Concello a persoal do ORAL, de forma extraordinaria, para que puideran atender ás veciñas e aos veciños e resolver todas as súas dúbidas fronte a este imposto”. De feito, desde o pasado venres, a Deputación está a atender ás persoas afectadas directamente no Concello de Mos para evitar o seu desprazamento ás oficinas de ORAL.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.