A Deputación refrenda o compromiso coa axenda 2030 cunha web específica sobre o seus proxectos e plans para cumprila

Carmela Silva: “Somos unha administración de referencia en todo o que ten que ver cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible”
Publicado por o día 18/07/2020 na sección de Deputación de Pontevedra

A Deputación refrenda o compromiso coa axenda 2030 cunha web específica sobre o seus proxectos e plans para cumprila

A Deputación de Pontevedra da un paso máis no seu apoio decidido á Axenda 2030 das Nacións Unidas, que establece un marco de referencia, a través de 17 grandes Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), para acadar un mundo sen pobreza, igualitario, xusto e sostible. A presidenta Carmela Silva presentou a nova web, específica sobre a Axenda, un espazo no que a cidadanía conta con información sobre os plans, proxectos, programas e medidas da institución para cumprir os ODS. “Somos unha Administración de referencia en todo o que ten ver con estes 17 Obxectivos. O noso compromiso é total, e esta é unha mostra máis”, explicou a presidenta.

A web da Axenda 2030 (axenda2030.depo.gal) ofrece información xenérica sobre os ODS e detalla en cada un deles toda a acción da Deputación na materia. Ademais, conta cunha sección de “Actualidade” á que se incorporarán con regularidade noticias sobre iniciativas da institución vinculadas ao cumprimento dos ODS. “Aprobamos un orzamento en 2020 no que todos os proxectos da Deputación están orientados ao cumprimento da Axenda 2030. Facemos un gran esforzo e así o recoñeceu a alta comisionada do Goberno, que quedou moi sorprendida cando nos reunimos con ela. Agora queríamos pór a disposición de todo o mundo unha web específica onde informar sobre toda a nosa acción”, explicou Carmela Silva.

Papel decisivo das Administracións locais

Neste sentido, a presidenta recalcou que “o futuro do mundo pasa polo cumprimento dos ODS, e as administracións locais son fundamentais para que iso poida acontecer, xa que toman decisións que teñen que ver directamente cos Obxectivos: a contaminación, a loita contra a pobreza, a atención ás persoas máis vulnerables, a aposta por sociedades xustas que coidan o medio ambiente, a igualdade ou os sectores económicos sostibles”.

A Deputación de Pontevedra incorporou a todas as súas áreas de xestión as directrices da Axenda 2030 e na nova web está a disposición do público a relación dos plans e programas que se integran en cada un dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. No que respecta ao número 1, “Poñer fin á pobreza en todas as súas formas”, a institución presta axudas básicas de emerxencia en todos os concellos da provincia, atende a menores en risco de exclusión social no Centro Príncipe Felipe, e colabora a través de axuda humanitaria en países en situación de conflito ou pobreza.

En canto ao Obxectivo 2, relacionado coa seguridade alimentaria e a agricultura sostible, a institución desenvolve programas formativos no eido da agricultura ecolóxica e a produción sostible dos produtos do campo, impulsando a produtividade de alimentos, apostando pola investigación na Estación de Areeiro e a Finca Mouriscade, e fomentando a redución do desperdicio alimentario a través da concienciación. No Obxectivo 3, “Garantir unha vida sa e promover o benestar en todas as idades”, figuran programas como as DepoAndainas, DepoRutas BTT, Depodesafío, DeporteEscolas, DepoTermal, Depo en Marcha, e o Servizo de teleasistencia domiciliaria, así como a confinaciación por parte da Deputación dos servizos sociais comunitarios municipais. Esta información amplíase sucesivamente aos 17 Obxectivos.

Noticias sobre os ODS

A sección de Actualidade recolle as noticias vinculadas ás sucesivas iniciativas da Deputación en materia de ODS. Neste apartado pódense consultar, entre outras, as informacións sobre os acordos que a Deputación asinou con Asefoga, Fegama e Vento Noso para impulsar obradoiros en centros escolares e formar ao sector agrogandeiro; a campaña Responsabilízate para sensibilizar á poboación sobre a necesidade de tirar as máscaras, luvas e envases de hidroxel nos contedores correctos; ou o Plan Revitaliza de tratamento de residuos para fabricar compost. “Temos un compromiso firme. É fundamental cumprir os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030 e queremos facer da provincia de Pontevedra unha referencia, con iniciativas como esta nova paxina web, con novos proxectos e campañas, para facer entre todas e todos un mundo igualitario, sostible e xusto”, concluiu a presidenta da Deputación.

Comentar noticia

Your email address will not be published.