A Deputación revalida o seu apoio ao campus multideporte do Coruxo “aprendendo a xogar”

A VII edición deste clásico dos campus deportivos en Vigo restrinxirá á participación a un máximo de 375 nenas e nenos para cumprir coa seguridade e coa normativa sanitaria
Publicado por o día 09/07/2020 na sección de Deputación de Pontevedra,Galicia,Vigo

A Deputación revalida o seu apoio ao campus multideporte do Coruxo “aprendendo a xogar”

A Deputación de Pontevedra colabora un ano máis co Coruxo C.F. no desenvolvemento do Campus MultiDeporte “Aprendendo a Xogar”, que este ano cumpre a súa sétima edición e que comezará en Vigo o próximo día 27 de xullo. Na presentación desta tarde, na que participou a presidenta Carmela Silva, se confirmou que, para cumprir coas condicións sanitarias derivadas da pandemia, este ano restrinxirase a participación a un máximo de 375 nenas e nenos de 5 a 14 anos.

As actividades terán lugar entre o 27 e o 31 de xullo, en horario de 9 a 14 horas, nas instalacións do Club de Campo e no campo de fútbol do Vao, onde as nenas e nenos terán a supervisión de 55 monitoras/es e 65 voluntarias/os. O prazo de inscrición abriuse o 25 de xuño e, como en edicións anteriores, poderán practicar ata 30 modalidades deportivas: fútbol, balonmán, baloncesto, ciclismo, bádminton, boxeo, rugby, béisbol, petanca, hóckey sobre herba, xogos populares, baile moderno, pas de praia, dardos, wushu, voleibol, danza clásica, tenis, marcha, primeiros auxilios, pádel, esgrima, acrosport, xogos malabares e ximnasia rítmica. O campus deportivo tamén acollerá actividades relacionadas cos primeiros auxilios ou xogos populares.

A Deputación de Pontevedra revalidou este ano o seu apoio ao Campus do Coruxo coa cofinanciación do evento, enmarcada na colaboración anual que recibe como club profesional de alta competición. Amais, “Aprendendo a Xogar” enmárcase no programa provincial “DepoCampus”, que dota ó tecido asociativo da provincia de medios loxísticos e organizativos para o desenvolvemento dos seus eventos deportivos. Así, os clubs dispoñen deste espazo na web institucional da Deputación para informar e promocionar todos os campus.