A Deputación traslada o seu enrome pesar polo falecemento de Xosé Manuel Pazos “un gran servidor público comprometido cunha sociedade xusta”

“Era unha persoa moi querida e respectada polas veciñas e veciños de Cangas e da comarca do Morrazo que deixa unha pegada insubstituíble nesta provincia”
Publicado por o día 25/01/2021 na sección de Deputación de Pontevedra,Cangas,Galicia

A Deputación traslada o seu enrome pesar polo falecemento de Xosé Manuel Pazos “un gran servidor público comprometido cunha sociedade xusta”

O goberno da Deputación de Pontevedra trasladou esta tarde en nome de toda a corporación provincial “as condolencias e enorme pesar” polo falecemento do alcalde de Cangas, Xosé Manuel Pazos, e mostrou a súa dor e o seu agarimo á súa familia e amizades tras a desaparición “dun home ao que sempre lembraremos como un grande servidor público”.

“Na memoria desta provincia sempre quedará o seu incansable traballo, a súa permanente vocación de diálogo, a súa lealdade e a súa bonhomía porque, ante todo, Xosé Manuel Pazos era un home bo”. Desta forma, o goberno provincial trasladou en nome da institución a súa tristeza pola desaparición do político cangués, e o recoñecemento público da Deputación de Pontevedra “a un político profundamente comprometido cos valores e cos dereitos dunha sociedade xusta que sempre defendeu como alcalde ás veciñas e veciños da vila do Morrazo. Unha persoa moi querida e respectada pola cidadanía de Cangas e da comarca, que na institución e en toda a provincia deixa unha pegada insubstituíble”.

Xosé Manuel Pazos, de 63 anos de idade e natural da parroquia de Coiro, en Cangas, foi mestre de profesión exercendo na zona de Sanabria e, posteriormente, nos colexios públicos de Darbo. Antes de ocupar o posto de alcalde no seu pobo natal, foi concelleiro de cultura e ensino na vila e deputado autonómico. Tamén estivo fortemente vencellado ao mundo da cultura e, especialmente, do teatro, como actor, director, autor (no 2008 obtivo o Premio Max das Artes Escénicas ao Mellor Autor Teatral en Galego) e tradutor teatral, participando na creación de diferentes grupos de teatro, colaborando co Centro Dramático Galego e impulsando a coñecida Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas.