A Deputación vende tres parcelas do polígono de Barro a Mafari Café para a instalación das súas oficinas e a loxística da súa actividade

A presidenta da institución provincial, Carmela Silva, lembrou que nesta semana se escriturou a venda doutra parcela do parque a Panaderías Acuña
Publicado por o día 14/02/2020 na sección de Deputación de Pontevedra

A Deputación vende tres parcelas do polígono de Barro a Mafari Café para a instalación das súas oficinas e a loxística da súa actividade

A  Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra ven de adxudicar tres parcelas do polígono de Barro á empresa Mafari Café por un prezo de 1,6 millóns de euros, como informou a presidenta da institución provincial, Carmela Silva.

A presidenta subliñou que Mafari Café instalará en Barro unha nave industrial “destinada a oficinas e a centralizar toda a loxística e almacenaxe para desenvolver a súa actividade empresarial, dedicada á distribución de café e todos os produtos derivados”. “Por lo tanto van ampliar todo o que ten que ver coa súa empresa e isto xerará máis e mellor actividade económica e tamén emprego”, engadiu.

Así mesmo, Silva lembrou tamén que esta mesma semana a Deputación escriturou a venda doutra parcela do polígono á empresa pontevedresa Panaderías Acuña, que prevé trasladar ao polígono Barro o seu obradoiro. “Deste xeito, neste inicio de 2020 xa vendemos catro parcelas do parque, o que creo que é moi boa noticia para o conxunto da provincia de Pontevedra”, destacou.

A presidenta fixo fincapé na longa traxectoria de Panaderías Acuña, “que está xa pola cuarta xeración” e o feito que a súa implantación no polígono suporá a creación de novos empregos nunha empresa que conta con 22 puntos de venta e emprega na actualidade a preto de 200 persoas.  “A firma trasladará a Barro o seu obradoiro de pan, no investimento máis importante nos seus 75 anos de historia _indicou Carmela Silva_. E a posta en marcha desta instalación vai implicar un aumento do seu persoal destinado ao proceso de produción, que agora é de 57 empregados, con entre 6 e 10 novos postos de traballo nun principio, porque consideran que van precisar  máis a medio prazo”.

Engadiu que a firma calcula que a construción das instalacións estará lista o ano que ven, e posteriormente coa dotación de maquinaria e transición ao novo proceso de produción, “confían en que o Obradoiro de Pan Rogelio Acuña, en homenaxe ao seu fundador, poida xa estar operativa no ano 2022”.