A Deputación volve a impulsar o traballo en remoto para extremar a protección do persoal fronte á incidencia da COVID na provincia

En Príncipe Felipe extremaranse as medidas nas saídas e corentenas, e solicitarase a Política Social un cribado masivo e que se estudie a inclusión dos centros de menores como poboación vulnerable na próxima programación de vacinas

A Deputación de Pontevedra volverá a impulsar o traballo en remoto na institución provincial para combater a terceira onda da pandemia. Así o confirmou hoxe a presidenta Carmela Silva “aplicando o criterio de máxima prudencia para a protección da saúde das persoas traballadoras e do conxunto da cidadanía e ante a evolución da pandemia en Galicia e na provincia de Pontevedra”. A presidenta provincial anunciou unha nova resolución para que o persoal da Deputación “regrese ao modelo de organización de traballo que tiñamos na primeira desescalada porque o máis importante é a saúde da xente”.

A través desta medida vaise reducir a presenza física nos postos de traballo susceptibles de poder ser desempeñados mediante traballo en remoto e, naqueles que teñan que prestar o seu servizo presencialmente, impulsaranse as “máximas garantías” para garantir a seguridade das persoas. Amais do persoal traballador, o Pleno, Comisións Informativas e Xuntas de Goberno tamén terán lugar desde agora de forma telemática, e “en febreiro analizaremos novamente a situación para ver se regresamos á modalidade presencial ou seguimos en remoto”. Silva informou que “levábamos xa dous días reflexionando sobre esta cuestión e onte mesmo o vicepresidente e máis eu tomamos a decisión, que temos tamén comunicado ao portavoz do PP, Jorge Cubela, que amosou o seu apoio”. Tamén foron informados os sindicatos con representación na Deputación e se remitiu unha comunicación a todo o persoal traballador.

En canto ao Centro Príncipe Felipe, que dende o inicio da crise sanitaria en marzo ten activa a comisión de seguimento da covid que se reúne periodicamente, estanse a perfilar novas medidas ante a situación da terceira vaga, como a ampliación do máximo tempo posible da corentena (pasando dos dez días pautados aos catorce) ou as restricións nas saídas, de tal xeito que nas vindeiras dúas semanas as nenas e os nenos queden en Príncipe Felipe. A presidenta destacou que, en cantos as e os menores do Centro de Día, se trasladou xa a Política Social a necesidade de impulsar novos procedementos para regular as saídas e entradas no recinto, “xa que as máximas precaucións que adoptamos no recinto non temos a seguridade de que se poidan estar tomando nos domicilios”.

A presidenta, que enxalzou a relación de “máxima colaboración” tanto con Política Social como co Sergas e fixo un recoñecemento ao persoal que traballa en Príncipe Felipe, informou tamén que se solicitou á administración autonómica un cribado masivo para todas as persoas usuarias e traballadoras do recinto, así como a posibilidade de dar prioridade aos centros de menores na próxima programación de vacinación, por tratarse de poboación vulnerable.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM