A Dirección Xeral de Emerxencias participará nun grupo de traballo para mellorar a xeolocalización dos alertantes ao 112

Publicado por o día 11/09/2018 na sección de Xunta de Galicia

A Dirección Xeral de Emerxencias participará nun grupo de traballo para mellorar a xeolocalización dos alertantes ao 112

A Dirección Xeral de Emerxencias participará nun grupo de traballo constituído hoxe en Madrid no que se buscará mellorar o servizo de xeolocalización de alertantes ao 112 desde teléfonos móbiles. Na reunión, á que asistiu o director xeral de Emerxencias e Interior, Luís Menor, participaron os directores xerais do resto de comunidades autónomas. O encontro foi inaugurado polo ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska.

Ademais, tamén se constituíu un grupo de traballo para unificar os protocolos de accesibilidade de persoas con discapacidade ao 112. Cómpre recordar que este verán a Xunta de Galicia firmou un convenio de colaboración coa Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG) co fin de facilitar a relación das persoas xordas, con dificultades auditivas, ou xordocegas coa Administración pública. Con esa sinatura ampliáronse os servizos aos que se pode acceder a través do sistema de videointepretación, e desde entón todos os teléfonos de emerxencia da Xunta dispoñen del.