A diversión chega este domingo coa actividade para toda a familia “Caldelas Aventura”

Xogos de habilidade, equilibrio e natureza encherán Ponte Caldelas durante toda a xornada
Publicado por o día 08/05/2018 na sección de Galicia,Ponte Caldelas

A diversión chega este domingo coa actividade para toda a familia “Caldelas Aventura”

A actividade lúdica para toda a familia “Caldelas Aventura” chega, por fin, tras varios aprazamentos por mor do mal tempo este domingo, día 13 de maio, a partir das 11 horas. O Concello de Ponte Caldelas e a empresa Galaicaventura, xa con garantías de tempo seco e soleado, alíanse para celebrar unha festa da diversión entre amigos ou en familia.

O Goberno local tripartito (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) formalizou esta mesma mañá a súa inscrición no portal web de Galaicaventura formando un equipo de 4 persoas no que estará o alcalde, Andrés Díaz, e varios concelleiros. As persoas interesadas en inscribirse aínda poden facelo ata o próximo venres á media noite enchendo o formulario na web de Galaica Aventura.

A actividade ten carácter solidario, pois toda a recadación irá a sufragar actividades de reforestación ou loita contra os efectos dos lumes forestais do pasado mes de outubro. O custo da inscrición de só 5 euros. A inscrición pode facerse individualmente ou en grupos de  catro persoas, pois a proba está concibida para facela en equipos. Todas as  persoas participantes  serán  asignadas a un equipo.

“Caldelas Aventura” ten un tope máximo de 260 persoas, o que significa un total de 65 equipos. A participación é garantía de diversión. Os  equipos deberán completar un percorrido e ir superando probas, sempre cun enfoque non competitivo. De feito, as bases do evento mesmo prohíben correr e destacan que non haberá ningún premio aos primeiros clasificados, senón que todos serán sorteados. Tan só hai que cubrir o circuíto dentro do horario previsto, é dicir entre as 11 horas e as 16 horas. A recollida de dorsais é a partir das 9 horas na Casa da Cultura de Ponte Caldelas.

Haberá diversas estacións para ir superando probas de habilidade, entre elas haberá rocódromos, cordas de equilibrios, tirolina e moitas sorpresas. Ademais colocaranse balizas de selado polas que terán que ir pasando os participantes. Toda a montaxe estará situada no centro urbano de Ponte Caldelas. As persoas participantes disporán dun plano para ir localizando estes lugares e ir sumando puntos.

Dende a empresa Galaicaventura, a mesma que organiza as actividades de barranquismo no río Verdugo, destacan que é unha proba máis parecida aos “rastrexos” que a unha carreira de orientación. Non se trata de competir, senón de divertirse. Non é necesaria ningunha condición física e mesmo admítese a participación de nenos e nenas, sempre que estean nun grupo con presenza de adultos que se responsabilicen deles. De feito, é unha actividade idónea para facer en familia.