A Ecimat retoma o ciclo de conferencias Café con Sal

Explicou como os modelos tróficos preditivos poden empregarse para interpretar diferentes variables

A Estación das Ciencias Mariñas de Toralla, Ecimat, retomou este martes o ciclo de conferencias Café con Sal, unha actividade divulgativa sobre temas de investigación mariña que se vén desenvolvendo no centro desde o ano 2011 e que, como ano, realizou un pequeno parón estival. A charla correu a cargo nesta ocasión do responsable da Unidade de Oceanografía do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, José González, que impartiu a conferencia Assessing the effect of oil spills on the dynamics of plankton community using a model, unha intervención na que o investigador tivo a oportunidade de falar sobre como os modelos tróficos preditivos poden ser empregados como unha ferramenta sinxela para interpretar as variables non medidas empiricamente nun ecosistema mariño.

O modelado en ecoloxía mariña utilízase, sobre todo, con fins preditivos, pero en determinadas ocasións tamén resulta útil como ferramenta interpretativa para comprender os procesos involucrados na determinación da estrutura e a dinámica da cadea trófica. Neste sentido, e tal e como explicou o investigador, os modelos pódense utilizar para reproducir as variables medidas, o que facilita pistas importantes para determinar cales dos parámetros non medidos deben axustarse para reproducir as observacións. Neste sentido, durante a charla fíxose fincapé na utilidade do modelado para determinar as diferenzas entre comunidades ou para detectar os posibles efectos da achega de nutrientes e/ou tóxicos nunha comunidade determinada, mesmo en parámetros non medidos.

Na súa intervención González presentou o uso dun modelo simple, denominado NPDZ (Nutrients- Phytoplankton- Detritus- Zooplankton), para interpretar os resultados dos experimentos de  mesocosmos realizados durante o proxecto Impresión na ría de Vigo, un exemplo claro da aplicación interpretativa dos modelos de predición. Explicando os resultados dos experimentos realizados, o responsable da Unidade de Oceanografía da Ecimat tratou de demostrar que o modelado é unha ferramenta poderosa para explicar as diferenzas na dinámica de diferentes comunidade microbianas mariñas, o que permite ademais a detección de efectos tóxicos sutís, non sempre detectados pola interpretación directa de datos empíricos.

A seguinte charla terá lugar o martes 1 de outubro e correrá a cargo de Pedro Campoy, do grupo de Ecoloxía Costeira do CIM-UVigo. Como é habitual será ás 11.00 horas no salón de actos da Ecimat.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM