A EE de Minas e Enerxía consegue un novo galardón no concurso internacional Ciencia en Acción

Cada ano participan neste talleres divulgativos arredor de 1000 estudantes de toda Galicia

2016, 2018 e 2020. Unha edición máis, e xa van tres, o concurso internacional Ciencia en Acción volve premiar unha iniciativa de divulgación científica posta en marcha desde a Escola de Enxeñaría de Minas e da Enerxía da Universidade de Vigo. Nesta ocasión concedéronlle a Mención de Honra na modalidade Ciencia e Tecnoloxía ao traballo Aula aberta á tecnociencia: ciencia e tecnoloxía ao alcance de tod@s, iniciativa impulsada por José Santiago Pozo, María Araújo, Raul Figueroa, Iván Garrido, Roi Otero, David Patiño, Raquel Pérez e José Benito Vázquez e que consiste nunha serie de talleres divulgativos para estudantes de secundaria e bacharelato no que cada ano participan arredor de 1000 estudantes de distintos puntos da xeografía galega.

Os talleres amosan o lado máis motivador e atractivo da ciencia e a tecnoloxía que se fai nesta escola

“Para nós este premio é un recoñecemento non só do investimento económico que fai a escola en organizar esta aula todos os anos, senón, o que é máis importante, da implicación dos nosos docentes, persoal investigador e alumnado”, explica o subdirector da escola José Santiago Pozo, ao que engade que dende que o centro comezou con esta actividade, no curso 2018-2019, a implicación do persoal e do alumnado co proxecto foi total. “A xente estivo sempre dispoñible para organizar cada un dos módulos e poder adaptar os seus horarios ás peticións que recibimos dende os centros de educación secundaria, formación profesional e colexios de toda Galicia. En función dos horarios requiridos polos centros, os nosos profesores, investigadores e alumnos teñen que adaptarse”, recalcou o subdirector, ao que engadiu que esta aula é unha extraordinaria forma de dar visibilidade aos plans de estudos e as saídas profesionais dos titulados do centro, xa que estes módulos baséanse en conceptos ensinados nas súas aulas,  aspectos relacionados con novos materiais, xeotecnoloxía, xeomecánica, física, etc.

A idea de presentarse ao certame chegou da man do profesor José Benito Vázquez, exdirector da escola, quen posúe unha ampla experiencia en labores de divulgación científica e cuxos traballos xa foron premiados en anteriores edicións por este concurso. “El propúxonos a idea e rápidamente nos puxemos mans á obra”, explica o subdirector da escola. Finalmente optaron por plasmar nun vídeo de menos de tres minutos en que consiste a aula e o tipo de actividades que nela se levan a cabo: seis módulos demostrativos, de 1,5 horas de duración cada un, baseados en aplicacións da ciencia ao ámbito da enxeñaría e vinculados a oferta I+D+i+T do centro: combustión, topografía con realidade aumentada, visión infravermella, física  re-creativa, febre dos materiais e enxeñaría do terreo. “Os contidos técnicos-científicos adáptanse aos criterios de avaliación e estándares de aprendizaxe dos visitantes, proporcionando información adicional ao profesorado interesado para que poidan desenvolver moitas destas actividades”, explica Pozo.

Esta non é a primeira vez que a UVigo se fai un oco nestes premios

Ciencia en Acción é un concurso internacional dirixido a estudantes, docentes, investigadores e divulgadores da comunidade científica en calquera das súas disciplinas e o seu principal obxectivo é presentar a ciencia dunha maneira atractiva e motivadora, de modo que tanto a mocidade como o gran público se interesen por ela e ao longo do concurso poidan aprender e divertirse atendendo ás conferencias, observando e participando na feira, compartindo as súas experiencias, etc.

No caso da Universidade de Vigo, xa quedara finalista neste concurso en 2016 na modalidade de Física e Sociedade coa Semana da Ciencia, unha proposta de divulgación organizada na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía durante 10 anos. A maiores, tamén nesa edición, a web Actividades manipulativas en liña para a aprendizaxe da Física nos graos en enxeñaría, impulsada polo grupo de innovación docente de Aprendizaxe Manipulativo da Física liderado por Vázquez Dorrío, recibira a Mención de Honra na modalidade Materiais didácticos de ciencias en soporte interacivo (Premio IBM). Xunto a estes dous recoñecementos, nesta edición do concurso tamén se trouxera para Vigo outra Mención de Honra, neste caso na modalidade Traballos de divulgación científica. Libros, revistas e redes sociais ao traballo Ciencia que Conta, impulsado polos profesores da UVigo Pío Manuel González, Eduardo García, Julia Serra, Stefano Chiussi e Paulino Pérez, “por ser un concurso de relatos científicos de gran participación e cun claro compromiso da comunidade escolar galega e as súas familias pola ciencia”.

Xa en 2018 o concurso outorgoulle o 1º premio Ex Aequo ao traballo  Uno de los interferómetros más sencillos del mundo: nanotecnología de salón, impulsado tamén polo profesor José Benito Vázquez e no que presentaba unha experiencia manipulativa que buscaba xustificar a existencia das cores secundarias da síntese aditiva de cores (cian-maxenta-amarelo, CMY) nunha pompa de xabón, como exemplo do fenómeno de intereferencia con luz blanca.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM