A EE Forestal avalía as condicións para o aproveitamento enerxético a grande escala da biomasa residual

A análise centrouse no tratamento das pacas de restos de corta
Publicado por o día 27/01/2020 na sección de Galicia,Pontevedra,Universidade de Vigo

A EE Forestal avalía as condicións para o aproveitamento enerxético a grande escala da biomasa residual

A presenza nos áridos que arrastran da súa recollida de elementos como sílice ou potasio fai que, a pesares do seu alto poder calorífico, as pacas xeradas nos montes galegos cos restos das cortas forestais tivesen tradicionalmente un escaso aproveitamento para a produción enerxética. Dando continuidade a un estudo realizado en 2017, investigadores da Escola de Enxeñaría Forestal analizaron as condicións que, en materia de secado, empacado ou transporte, permitirían un mellor aproveitamento desta biomasa residual. O estudo foi realizado para a empresa Greenalia, que proxecta empregar 500.000 toneladas destes restos de corta na planta de xeración de enerxía eléctrica a partires de biomasa que porá en marcha en Curtis.

Fronte a outra serie de produtos enerxéticos como os pelets, “as pacas teñen outras connotacións, tanto polo seu tamaño, como pola súa composición, que fan que sexan un tema pouco estudado”, recoñece o catedrático da EE Forestal Luis Ortiz. Xunto aos investigadores do grupo de biocombustibles sólidos, Ortiz realizou unha análise de 15 pacas de restos de corta de diferentes procedencias, proporcionadas por Greenalia, co propósito de tratar de definir “unha metodoloxía máis ou menos estándar” para o tratamento con fins enerxéticos deste tipo de biomasa. O estudo realizado pon de relevo que é preferible realizar as cortas “en outono ou inverno” para logo deixar secar a biomasa “dous ou tres meses”, antes de empacar, xa que deste xeito redúcese a súa porcentaxe de humidade, permitindo “que o seu rendemento térmico aumente case un 40%”, ao mesmo tempo que se evita a proliferación de fungos no tempo que permaneza almacenada.

Segunda fase da análise

A través dun contrato de transferencia coas empresas G Renova e Greenalia, os investigadores da EE Forestal realizaran xa en 2017 unha análise da caracterización físico-química dunha serie de pacas con restos de corta de eucalipto e piñeiro, co propósito de estudar a viabilidade do seu uso para producir enerxía a grande escala. “Os resultados que achegamos, sobre todo relacionados coas problemáticas de impurezas, humidade e presenza de áridos, que limitan enormemente a posibilidade de utilizar caldeiras convencionais” contribuíron, apunta Ortiz, a que Greenalia optase por un sistema de “leito fluidizado circulante, que xera calor dunha forma moi eficiente, cun alto rendemento dos materiais”, para a planta de 50 megavatios que porán en funcionamento en Curtis. “Estamos falando da segunda planta máis grande de España, que implicará un consumo de biomasa residual dunhas 500.000 toneladas residuais”, salienta o catedrático, que destaca nese senso como a colaboración coa empresa permitiu “documentar toda esta experiencia” desde o punto de vista investigador.

De feito, os traballos levados a cabo nos últimos meses consistiron por unha banda nun “estudo exhaustivo de tres pacas”, que permitise coñecer ao detalle cal será o seu rendemento enerxético, xunto coa análise doutras 15 pacas de diferentes procedencias e almacenadas tamén en diferentes momentos. “Esta parte permitiu saber canto tempo hai que ter o residuo no monte antes de empacar, canto tempo hai que deixalo logo antes de trasladalo e tamén en que zonas tes que colocalo e canto tempo podes telo alí sen que podreza”, engade.

Investigación a carón do sector

Os estudos realizados para Greenalia insírense na liña de traballo que os investigadores do grupo de biocombustibles sólidos Luis Ortiz, Antonio Vázquez, Óscar González Prieto e Juan Luis Rodríguez Somoza manteñen con diferentes empresas relacionadas co mundo forestal. “Vanse tocando todos os subsectores”, recoñece Ortiz, que lembra que nos últimos meses desenvolveron traballos como a valorización enerxética de diferentes tipos de taboleiros para o grupo Malasa ou o estudo para o aproveitamento de residuos de eucalipto realizado co grupo Nefab, á vez que participaron no grupo de innovación Biofore ou no proxecto Biomasa-AP, financiado polo programa Interreg, ambos centrados na valorización enerxética da biomasa residual.

Comentar noticia

Your email address will not be published.