A EGAP analiza o primeiro ano de vixencia da nova Lei de contratos do sector público

A directora da Escola Galega de Administración Pública, Sonia Rodríguez-Campos, indicou o compromiso da Escola por impartir unha formación actual e de calidade naquelas áreas que revisten maior novidade dentro do sector público
Publicado por o día 21/03/2019 na sección de Emprego,Formación

A EGAP analiza o primeiro ano de vixencia da nova Lei de contratos do sector público

A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) acolleu hoxe a xornada Un ano de vixencia da nova Lei de contratos do sector público: balance e perspectivas, na que se analizou a evolución desta materia no último ano e as súas principais dificultades.

Durante o acto de inauguración, a directora da Escola, Sonia Rodríguez-Campos, resaltou a importancia da formación en materias clave dentro do sector público, como é o caso da contratación xa que a nova normativa ten como finalidade simplificar os trámites, facilitar a participación das pequenas e medianas empresas e propiciar que as administracións públicas impulsen obxectivos sociais, ambientais e de innovación. Por este motivo, Sonia Rodríguez-Campos incidiu no compromiso da Escola por achegar a todos os empregados públicos galegos unha formación actual e de calidade naquelas áreas que revisten maior novidade dentro do sector público.

Por outra banda, a directora da EGAP lembrou que esta xornada vén completar a formación sobre contratación pública ofrecida pola Escola nos dous últimos anos, xa que, ademais de estar incluída no plan de formación anual, durante este período organizáronse cursos superiores, monográficos e xornadas.

A xornada de hoxe ten como finalidade formar aos empregados públicos galegos nunha normativa esencial dentro da Administración pero especialmente complexa. Para abordar todos os seus aspectos a actividade contempla relatorios concretos sobre temáticas concretas como a contratación como política estratéxica, a compra pública innovadora, o novo recurso especial, a contratación electrónica, a contratación en entidades locais ou o impacto práctico da nova lexislación na dinámica dos operadores económicos.