A empresa de Poio Camsoar capta persoal con promesas que despois incumpre

Camsoar segue a enviar traballadores galegos a Alemaña ante a inacción da autoridade laboral
Publicado por o día 18/01/2021 na sección de Empresas,Sindicatos

A empresa de Poio Camsoar capta persoal con promesas que despois incumpre

Camsoar, a empresa de Poio que a CIG denunciou diante da Inspección de Traballo por enganar a traballadores galegos con falsas promesas, segue a enviar persoal a Alemaña ante a inacción da autoridade laboral. Un novo grupo de operarios foi desprazado ao país teutón para participar nos traballos de instalación de fibra óptica en zonas rurais tras seren captados mediante o ofrecemento de vantaxosas condicións salariais que incumpren nada máis chegar a destino.

Os responsábeis da empresa con sede na localidade pontevedresa de Poio continúan a operar con total impunidade a pesar das denuncias feitas públicas polos afectados a través da CIG e de que a central sindical puxese o caso en coñecemento da Inspección de Traballo tanto en Galiza como na Alemaña.

Segundo puido saber a CIG-Construción, un novo grupo de operarios foi desprazado ao país teutón con falsas promesas de anticipos e salarios elevados que a empresa incumpriu nada máis pisar chan alemán.

“Seguen a aproveitarse da situación de extrema necesidade de moitas persoas, ás que convencen prometéndolles condicións laborais vantaxosas que logo resultan ser falsas, como sucedeu na anterior ocasión e volveu repetirse agora”, explican dende a CIG-Construción.

En consecuencia, a central está a preparar as denuncias diante do Xulgado do Social e da Fiscalía de Pontevedra, para reclamar que o persoal afectado cobre non só o que establece o convenio colectivo do sector senón todo o que lles foi prometido pola empresa para desprazarse a Alemaña.

 

Comentar noticia

Your email address will not be published.