A enfermaría ten un papel fundamental na detección precozo do estrés postraumático nas vítimas de violencia de xénero

O traballo de fin de grao dunha enfermeira da Escola de Enfermería do Meixoeiro avoga pola detección precoz do trastorno tras episodios de malos tratos
Por o 25/06/2019 | Sección: Galicia,Sanidad,Vigo
A enfermaría ten un papel fundamental na detección precozo do estrés postraumático nas vítimas de violencia de xénero

A violencia de xénero está considerada como un problema de saúde pública. Está asociada a graves consecuencias físicas e mentais nas mulleres, tanto a longo como a medio prazo. E na muller maltratada diagnostícase o Trastorno de Estrés Postraumático como un dos problemas observado con maior frecuencia.

Foi o punto de partida do traballo de fin de grao que realizou Irea González Lago na Escola Universitaria de Enfermaría do Meixoeiro e que foi premiado pola súa innovación e a calidade da investigación nunha xornada galega de investigación en enfermaría, organizada pola Universidade de Vigo.

O estudo que serviu de base ao traballo relaciona os malos tratos ás mulleres con Estrés Postraumático, evidencia unha correlación entre ambos e propón unha serie de medidas para a detección precoz do devandito trastorno.

Así, a autora do estudo considera que este trastorno preséntase como un diagnóstico plausible para explicar a sintomatoloxía postraumática nas mulleres maltratadas. “A detección precoz dos síntomas xoga un papel fundamental para evitar a cronificación do trastorno”, explica Irea González, que subliña: “Existe unha somatización da tensión nas mulleres maltratadas, que difiren dunhas culturas a outras, polo que se deben unificar criterios diagnósticos para levar a cabo novas investigacións que expliquen as respostas postraumáticas de maneira holística, é dicir considerándoas como un todo e non só os distintos episodios por separado”.

Para a realización do traballo a autora utilizou artigos e estudos a nivel internacional nos que se abordaba de modo científico o problema do estrés postraumático relacionado coa violencia de xénero. Da selección de todos eles Irea González extraeu 70 investigacións nun cribado inicial. Posteriormente, esa selección reduciuse a 25, sobre os que se centrou o traballo definitivo.

O papel da enfermaría

“A enfermaría ten que xogar un papel fundamental, e pode ser un punto de inflexión á hora de detectar de maneira precoz situacións de violencia”, indica a autora do traballo. Por iso é necesario implementar (hai algún xa elaborado) plans de prevención a través dos centros de saúde, onde o equipo de enfermaría teña a oportunidade de estar en contacto coa muller e detectar síntomas, signos ou comportamentos (por parte da muller ou do agresor se a acompaña) que poden ser indicativos dunha situación de violencia. Realizar un screening xeralizado sería unha opción para abordar o problema. A enfermaría debe coñecer as consecuencias para a saúde das mulleres para poder dar resposta ás súas necesidades, ou anticiparse a futuros problemas. “Falando en
concreto do Estrés Postraumático, as mulleres presentan unha alta taxa de cronificación e unha prevaleza altísima de síntomas mesmo anos despois de que os malos tratos finalizasen”, conclúe Irea González.

Comentar noticia

Your email address will not be published.