A EOXI de Vigo e as asociacións de pacientes potencian a súa cooperación

A Xerencia da área sanitaria e o Consello Asesor mantiveron a xuntanza ordinaria anual na que repasaron as actuacións realizadas e planificáronse iniciativas de futuro
Publicado por o día 09/10/2018 na sección de Galicia,Sanidad,Vigo

A EOXI de Vigo e as asociacións de pacientes potencian a súa cooperación

Potenciar a cooperación entre a EOXI de Vigo e as asociacións de pacientes. Foi o principal obxectivo da xuntanza que mantiveron o xerente, Félix Rubial, co Consello Asesor de Pacientes, órgano que reúne a representantes de 37 asociacións da área sanitaria viguesa.

A reunión ten carácter anual e ten como finalidade facer balance dos avances dos último meses e expoñer as prioridades para o próximo ano, dentro do diálogo fluído entre ambas as partes. O consello foi o primeiro en crearse en Galicia e é un dos poucos que existen en España.

O papel das asociacións de pacientes revelouse fundamental no proceso de elaboración do Plan Estratéxico da área sanitaria no ano 2017. Nese documento, que é a guía para seguir ata o ano 2020, figura como primeira liña estratéxica “O paciente é o primeiro”.

A idea básica que expuxo o xerente da EOXI de Vigo durante a xuntanza pasa por dar aínda maior protagonismo ás asociacións, escoitando as súas propostas, aplicando as iniciativas que achegue cada unha delas e apoiándoas cos medios que en cada momento estean ao alcance da propia Xerencia.

Feitos

Ademais, Félix Rubial explicou as medidas de humanización que se adoptaron no último ano, nos distintos centros dependentes da EOXI, tanto hospitalarios como de Atención Primaria.

Unha desas iniciativas foi a apertura das estancias da UCI a familiares dos pacientes ingresados. Unha medida que recibe, cada día, as felicitacións dos afectados e na que se implicou, de forma moi importante e solidaria, o persoal do servizo.

Por outra banda, Félix Rubial destacou o cumprimento de proxectos anunciados na reunión do ano pasado co Consello Asesor. Entre eles, o funcionamento a pleno rendemento do laboratorio central do Meixoeiro e o novo acelerador lineal de Oncoloxía Radioterápica. Tamén están a realizarse as obras comprometidas do novo Banco de Sangue ou do TC intraoperatorio, que vai ser o primeiro en prestar servizo nos hospitais galegos. E redactouse o plan funcional para dotar a Bouzas dun centro de saúde.

“Tivestes un papel protagonista na reordenación da área sanitaria, que foi posible culminar con éxito grazas á vosa participación e achegas. E ese ten que ser o camiño xa que soamente progresaremos se continuamos a traballar xuntos”, finalizou Rubial, a modo de agradecemento ás asociacións representadas no Consello Asesor.