A EOXI de Vigo pon en Marcha un plan para paliar o déficit provisional de enfermeiras dispoñibles nas listas de contratación

No momento actual, das 1.948 enfermeiras inscritas para realizar substitucións, soamente hai 5 dispoñibles na lista xeral e 18 no Pool, para contratos de curta duración
Publicado por o día 04/04/2019 na sección de Galicia,Sanidad,Vigo

A EOXI de Vigo pon en Marcha un plan para paliar o déficit provisional de enfermeiras dispoñibles nas listas de contratación

A xerencia da EOXI de Vigo ven de establecer un Plan para dar resposta ao déficit de persoal de enfermaría dispoñible nas listas de contratación para realizar substitucións. No momento actual, das 1.948 enfermeiras inscritas nas listas soamente hai 5 dispoñibles na lista xeral e 18 no Pool (para contratos de curta duración).

Nesta indispoñibilidade de persoal eventual coinciden dúas causas. En primeiro lugar, gran parte das enfermeiras das listas xa están contratadas, cubrindo as ausencias do cadro de persoal por diversas situacións administrativas. Cabe subliñar o alto índice de substitución deste colectivo por Incapacidade Temporal. Na área de Vigo, as IT da enfermaría, en xeral, é dun 9,64%, pero chega a acadar un 15% no grupo de interinos. A isto hai que engadirlle tamén as coberturas das ausencias por permisos e reducións de xornada.

A outra causa é a convocatoria do exame da Oferta Pública de Emprego do Sergas o próximo 12 de maio, ao que se presentan a práctica totalidade das enfermeiras das listas. En consecuencia, priorizan a preparación dos exames sobre as contratacións laborais.

Garantir a continuidade asistencial

Trátase dun episodio conxuntural pero que obriga á xerencia a establecer unha serie de medidas para minimizar as súas posibles repercusións e garantir a continuidade asistencial.

Nestes momentos as medidas a adoptar son as seguintes: a resignación de efectivos segundo as necesidades; a habilitación do persoal de fóra das listas; a cobertura das ausencias con autoconcertación do persoal propio; a realización de quendas adicionais retribuídas; xornadas complementarias nos PAC e prolongación de xornada en Atención Primaria; a oferta de pasar de contratos de tempo parcial a tempo completo de xeito voluntario; denegación de permisos -de Días de Libre Disposición, de permisos sen soldos e de redución de xornada-; e denegación das suspensións de chamamento nas listas.

A mediados de maio agárdase recuperar a normalidade. A xerencia agradece a colaboración e a boa resposta do persoal ante estas medidas.