A EOXI de Vigo promove iniciativas de innovación na atención aos pacientes

A xerencia ven de convocar o “I FORO DE INNOVACIÓN PARA ASOCIACIÓNS DE PACIENTES” co obxecto de que estas organizacións realicen propostas orientadas a mellorar a atención
Publicado por o día 03/12/2018 na sección de Galicia,Sanidad,Vigo

A EOXI de Vigo promove iniciativas de innovación na atención aos pacientes

A área sanitaria de Vigo ven de convocar o “I Foro de Innovación para Asociacións de Pacientes”, co obxecto de promover propostas orientadas a mellorar a atención.

Trátase da elaboración, presentación, defensa e posterior posta en marcha de iniciativas, accións ou actividades con carácter innovador, que emanen das propias asociacións. Os proxectos serán defendidos nun acto público e serán avaliados por un xurado experto. Nas bases deste concurso especifícase que na valoración dos proxectos, o xurado terá en conta criterios como a pertinencia e relevancia; a factibilidade; o impacto; e sustentabilidade da proposta.

O proxecto mellor valorado recibirá un recoñecemento de 1.500 euros, que será complementado con 3.000 euros máis no momento da súa posta en marcha. O prazo de presentación dos proxectos rematará o 30 de abril.

Participación dos pacientes

O obxectivo é continuar implementando medidas dinamizadoras de cooperación entre a EOXI de Vigo e as Asociacións de pacientes.

Trátase de dar aínda maior protagonismo a estas organizacións, escoitando as súas propostas, aplicando as iniciativas que achegue cada unha delas e apoiándoas cos medios que en cada momento estean ao alcance da propia Xerencia.

Cómpre lembrar que a área de Vigo constituíu o Consello Asesor de Pacientes, órgano que reúne a representantes de 39 asociacións e que foi o primeiro en crearse en Galicia e un dos poucos que existen en España.

O papel das asociacións de pacientes revelouse fundamental no proceso de elaboración do Plan Estratéxico da área sanitaria no ano 2017.

Nese documento, que é a guía para seguir ata o ano 2020, figura como primeira liña estratéxica “O paciente é o primeiro”; isto é, a humanización como criterio inspirador da acción sanitaria.