A EOXI de Vigo reorganiza o seu equipo directivo

Mar Vázquez é a nova directora de Procesos Asistenciais e Esther Casal ocupa o posto que esta deixa vacante como directora de Procesos con Ingreso
Por o 09/04/2018 | Sección: Galicia,Sanidad,Vigo
A EOXI de Vigo reorganiza o seu equipo directivo
Compartir en:

A EOXI de Vigo ven de introducir cambios no seu equipo directivo, que hoxe foron presentados oficialmente polo xerente, Félix Rubial, ás xefaturas dos servizos médicos, aos responsables de enfermaría e das distintas Unidades da organización, así como á Xunta de Persoal.

O xerente tivo palabras de agradecemento para os profesionais saíntes, dos que dixo que “sen dúbida, constituíron o mellor equipo que podiamos ter para dar resposta á situación e aos condicionantes daquel momento; agora, coa marcha de dous deses directivos para asumir maiores responsabilidades noutras áreas sanitarias, cómpre unha reorganización para adaptarse ás novas esixencias e retos sanitarios”-.

Neste contexto, nomeouse á doutora Mar Vázquez como directora de Procesos Asistenciais, e a súa vacante como directora de Procesos con Ingreso é ocupada pola doutora Esther Casal -ata a data subdirectora de Procesos de Soporte- que a súa vez é substituída pola doutora Sabela Lariño.

A nova directora de Procesos Asistenciais, Mar Vázquez Salvado, viña ocupando a dirección de Procesos con Ingreso da EOXI de Vigo nos últimos catro anos.

Licenciada en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago, é especialista en Medicina Preventiva e Saúde Pública. Desenvolveu gran parte da súa actividade profesional no Complexo Asistencial de Soria, no que desempeñou diversos cargos directivos, entre eles, a Dirección Médica do Hospital. Tras ese período, incorporouse ao Complexo Hospitalario de Santiago onde ocupou a subdirección de Procesos de Soporte da EOXI de Santiago.

Esther Casal Rodríguez, ata agora subdirectora de Procesos de Soporte, será quen substitúa á anterior na dirección de Procesos con Ingreso.

Licenciada en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago, é médico de Admisión e Documentación Clínica. A maior parte da súa traxectoria profesional desenvolveuna no CHUVI, en concreto no Hospital Meixoeiro, tanto no antigo servizo de Urxencias como no de Admisión.

Novas incorporacións nas subdireccións

A nova subdirectora de Procesos de Soporte, Sabela Lariño Noia, médica do servizo de Admisión do Complexo Hospitalario de Pontevedra, traballou moitos anos no Meixoeiro, hospital do que foi responsable de Control de Xestión e da Subdirección médica.

Outra das subdirectoras que hoxe presentáronse oficialmente foi a de Procesos sen Ingreso e Urxencias, á doutora Reyes Díaz Lambarri, que xa se incorporara ao equipo hai unhas semanas. Toda a súa carreira profesional está ligada á Atención primaria na área sanitaria de Vigo, como médico de Familia no centro de saúde de Rosalía de Castro e no Punto de Atención Continuada (PAC) de Redondela.

As dúas subdireccións de Procesos de Enfermaría con Ingreso son ocupadas por Xoan Xosé Hermelo Millán -ata agora supervisor da área médica do CHUVI-, e Beatriz Fernández García -que viña desempeñando o cargo de supervisora da área Materno Infantil do Complexo vigués -.

Con estes nomeamentos, tan só queda pendente de cobertura a dirección de Procesos de Soporte, que se realizará nas próximas semanas.