A Escola da Enxeñería Industrial achegará detectores de frecuencia para a realización das probas de ABAU

4535 estudantes examinaranse nos campus da UVigo a vindeira semana
Publicado por o día 06/06/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

A Escola da Enxeñería Industrial achegará detectores de frecuencia para a realización das probas de ABAU

As probas de ABAU, que se desenvolverán en Galicia entre os días 12 ao 14 deste mes, incorporarán este ano a novidade do uso de detectores de frecuencia, para a realización no transcurso dos exames, de escaneos aleatorios nas aulas. A Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo cede á Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG) os detectores de frecuencia dos que dispón, e que xa se están a utilizar no centro, para a realización dos escaneos no transcurso das probas de acceso á universidade, que se desenvolverán a vindeira semana nos sete campus das institucións académicas galegas.

Os delegados das tres universidades serán os encargados de realizar os escaneos nas aulas, ás que non está permitido que o alumnado acceda con teléfonos móbiles, reloxos intelixentes ou calquera outro dispositivo electrónico non autorizado, en especial os que transmiten ou reciben información. A CIUG advirte que, en caso de que un membro do tribunal detecte que algún alumno ou alumna está a copiar ou non respecte as instrucións, logo de proceder a súa identificación, deberá instalo a abandonar a aula. Ademais de ter unha cualificación de cero puntos, a comisión organizadora das probas determinará posibles sancións a aplicar ás ou aos infractores, que poden mesmo implicar a anulación total de toda a ABAU.

2519 estudantes examinaranse en Vigo; 1080 en Pontevedra e 936 en Ourense

Dos máis de 11.000 estudantes que se enfrontarán ás probas en toda Galicia, 4535 farano nos tres campus da Universidade de Vigo: 2519 no campus de Vigo, 1080 no de Pontevedra e 936 no de Ourense. En Vigo o alumnado dividirase en cinco centros: 587 realizarán as probas na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais; 536, na de Bioloxía; 490, na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación; 458, en Ciencias Xurídicas e do Traballo, e 448, en Filoloxía e Tradución.

No caso do campus pontevedrés os estudantes dividiranse entre a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, con 393 matriculados e matriculadas; a Escola de Enxeñaría Forestal, con 362, e a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, con 325. No caso de Ourense as probas realizaranse na Facultade de Dereito, con 306 estudantes; na de Historia, con 306, e en Ciencias Empresariais e Turismo, con 280.