A Escola de Atletismo Gustavo Dacal bota a andar

Os nenos/as de Ponte Caldelas inician os adestramentos
Publicado por o día 09/01/2019 na sección de Galicia,Ponte Caldelas

A Escola de Atletismo Gustavo Dacal bota a andar

A Escola de Atletismo Gustavo Dacal xa é unha realidade. O primeiro grupo de nenos e nenas de Ponte Caldelas comezou onte os adestramentos cunha sesión celebrada entre o pavillón municipal de deportes e o campo de fútbol de Chan da Barcia.

O primeiro grupo de 25 novos atletas foi recibido polo alcalde, Andrés Díaz, e o secretario do club de Atletismo Rías Baixas, Jesús Cortegoso, así como o adestrador, Adrián Pérez, campión de España universitario dos 100 metros lisos.

A primeira escola deportiva dedicada ao atletismo da historia de Ponte Caldelas nace co nome de Gustavo Dacal, lanzador de xavelina, ex-recordman nacional e actualmente adestrador da selección mexicana, quen non descarta incorporarse ao proxecto máis  adiante, pois ten contrato en vigor coa Federación Mexicana.

O Goberno local caldelán (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) impulsou especialmente este proxecto nun intento por diversificar a práctica deportiva e ir máis alá do fútbol. Para elo organizou, xunto co club Rías Baixas, unha rolda  de presentación polos centros  educativos.

Os rapaces e rapazas inscritos adestrarán os martes en Ponte Caldelas e os xoves no Centro de Tecnificación Deportiva de Pontevedra. O Concello colaborará inicialmente cedendo as instalacións e agarda que este proxecto formativo se consolide.

As familias interesadas en iniciar aos seus nenos/as na práctica do deporte do atletismo aínda están a tempo e só teñen que dirixirse ao Concello, pero tamén poden chamar ao teléfono 646 325 994 para inscribirse ou aclarar calquera tipo de dúbida.