A escola de cantería espalla o seu modelo formativo na quinta edición da feira das ensinanzas artísticas e profesionais de Vigo

Novas obras da Escola están a ser instaladas na provincia como os monólitos de Marín ou Mondariz e dous cruceiros en Cerponzóns que se colocarán este mércores
Publicado por o día 26/03/2019 na sección de Deputación de Pontevedra,Galicia,Vigo

A escola de cantería espalla o seu modelo formativo na quinta edición da feira das ensinanzas artísticas e profesionais de Vigo

A Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra está dende hoxe a presentar a súa oferta formativa na quinta edición da Feira de Ensinanzas Artísticas e Profesionais que ata mañá divulgará no Auditorio Mar de Vigo diferentes opcións profesionais entre a mocidade. Deste xeito, xunto á Escola de Cantería están presentes outras 22 escolas que imparten formación para poder desempeñar ata máis de 100 profesións diferentes.

Sobre a Feira de Ensinanzas Artísticas e Profesionais a presidenta da Deputación, Carmela Silva, amosou o apoio da institución provincial a esta Feira que “amais de amosar as saídas profesionais para a mocidade, tamén amosa o poderío, o grandes, intelixentes, importantes, talentosos e talentosas que somos e as grandes ideas que temos, que están a mover o mundo”.

Pola súa banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero destacou que “moitas das industrias que hoxe se amosan nesta Feira van ter moito futuro, elas e todas as persoas que estades hoxe formándovos nelas”. Neste eido, destacou o papel da mocidade xa que “sodes o relevo, ides seguir facendo cidade, construíndo mundo, e tendes que facelo dende a vosa profesión”.

A Escola de Cantería da Deputación conta cun stand propio na Feira de Ensinanzas Artísticas e Profesionais dende o que achega información sobre os títulos de Canteiro e Canteira e Mestre Canteiro e Mestra Canteira. Para acadar estes títulos, ademais de recibir información para aprender a traballar a pedra e estimular a vocación artística, impártense cursos de modelaxe, escultura, debuxo técnico, debuxo artístico, historia da arte e construción, así como prácticas de laboratorio e informática. Trátase de formación práctica de tal modo que moitas das pezas que se elaboran na Escola de Cantería están a ser situadas nos concellos da provincia, en Galicia, España, Brasil, México, Arxentina, Panamá e Portugal.

Convenios cos concellos

A Deputación de Pontevedra segue a asinar convenios para que obras impulsadas na Escola de Cantería sexan situadas en diferentes lugares da provincia de Pontevedra. Deste xeito acábanse de pechar acordos cos concellos da Guarda e O Grove para impulsar actuacións da Escola de Cantería nos seus termos municipais. No caso da Guarda, o convenio ten por obxectivo a reparación do Cruceiro da Cal no barrio da Cruzada, desfeito polas inclemencias do tempo. En canto ao concello do Grove o convenio ten como misión reparar as esculturas de temática mariñeira danadas o pasado verán en Punta Moreiras.

Amais, esta mesma semana, o mércores, instalaranse dous cruceiros no lugar de Tilve, en Cerponzóns (Pontevedra), con motivo da celebración dos mil anos da parroquia de San Vicente. Estes cruceiros súmanse aos monólitos situados a pasada semana en Marín e Mondariz.