A Escola Internacional de Doutoramento da UVigo, a primeira de Galicia en certificar o deseño do seu sistema de garantía de calidade

Publicado por o día 21/10/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

A Escola Internacional de Doutoramento da UVigo, a primeira de Galicia en certificar o deseño do seu sistema de garantía de calidade

A Escola Internacional de Doutoramento da Universidade de Vigo, Eido, acaba de converterse na primeira de Galicia en obter certificación de calidade ao deseño do Sistema de Garantía de Calidade. Este recoñecemento, que outorga a ACSUG (Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia), está baseado nos European Standards & Guidelines for Quality Assurance in the European Higher Education Area.

Esta certificación é o resultado dun proceso de análise e de desenvolvemento destes criterios e directrices co obxecto de aplicalos aos procesos de funcionamento asociados ao ciclo de doutoramento. Así, este sistema de garantía de calidade de doutoramento abrangue todos os programas de doutoramento implantados nos centros da Universidade de Vigo.

O proceso para obter esta certificación desenvolveuse sobre todo ao longo de 2018 conducido por un grupo de traballo composto pola dirección da Eido, o Servizo de Xestión de Estudos de Posgrao e a Área de Calidade. Tamén tomaron parte outros colectivos asociados ao ciclo de doutoramento como os membros das comisións académicas dos programas de doutoramento, persoal investigador, áreas académicas… O deseño final, despois de incorporar as suxestións recibidas foi aprobado polo máximo órgano de representación da Eido, o seu Comité de Dirección, en decembro de 2018. Agora, tras recibir a certificación de calidade do deseño por parte da ACSUG, o seguinte paso é a aprobación do sistema de garantía de calidade no Consello de Goberno e o comezo da súa implantación efectiva, ao longo deste curso 2019/2020.

Un paraugas de calidade para todos os programas de doutoramento

Esta certificación afecta a temáticas como as actividades de admisión e de acollida do estudantado de doutoramento, a xestión dos programas de doutoramento, as actividades de formación dos futuros investigadores, a súa mobilidade ou a información pública. A aplicación destes estándares permite mellorar tamén aspectos como a oferta formativa en doutoramento, as infraestruturas ou os trámites de presentación e defensa das teses, o que repercute no día a día do persoal investigador en formación. Ademais, este recoñecemento contribuirá a dar máis visibilidade e prestixio á Eido a aos seus futuros doutores e doutoras.

Sobre os efectos desta certificación, Antonio Pino García, director de EIDO, explica que se trata dun protocolo que todas as escolas de doutoramento deben ter definido e implantado para que as titulacións poidan seguir o seu normal desenvolvemento, especialmente no que á avaliación externa pola Axencia de Calidade se refire. Para o alumnado, “a existencia e implantación destes procedementos debe servir para clarificar de maneira efectiva a ‘folla de ruta’ que se debe seguir para concluír con éxito os estudos de doutoramento, para facilitarlles as xestións que teñan que realizar anualmente, así como para modernizar os procedementos potenciando o acceso en liña ás xestión que deban realizar”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.