A escola unitaria de San Mateo arranca cunha xornada de convivencia de portas abertas

Publicado por o día 11/09/2018 na sección de Galicia,Ponteareas

A escola unitaria de San Mateo arranca cunha xornada de convivencia de portas abertas

A escola unitaria de San Mateo comezará o curso escolar 2018/2019 cunha xornada de convivencia na que participará o alumnado de todas as escolas unitarias do Centro Rural Agrupado (CRA) A Picaraña. 

Nesta xornada de convivencia, que arranca ás 09:00 horas, poderán participar todos os membros da comunidade educativa que queiran apoiar a permanencia da escola de San Mateo e que desexen reivindicar o dereito ao ensino público no rural de Galicia.

Monitores de tempo libre facilitados polo concello de Ponteareas entreterán con divertidas actividades lúdico-didácticas aos pequenos e pequenas que se dean cita mañá na escola de San Mateo.

A concelleira de ensino Cristina Fernández adianta que mañá mércores terá lugar un pleno extraordinario no que, entre outro puntos, se abordará unha declaración de apoio á esta escola unitaria para que a Xunta de Galicia a manteña aberta logo de ter acadado as nais e pais o mínimo de alumnado matriculado esixido pola Xunta. 

“A Consellería de Educación comprometeuse a manter aberta a escola unitaria se no día de comezo de curso acadaban o mínimo esixido, as nais e pais conseguiron esas matrículas e terán todo o apoio do goberno para manter este servizo básico activo”, explica a concelleira. 

Segundo adiantan os representantes das nais e pais afectados, esta mesma tarde terán unha reunión coas ANPAS, coa FANPO e coas nais e pais en xeral no centro cultural de Xinzo ás 20:15 horas no que pecharán o calendario de accións reinvidicativas en defensa do ensino en San Mateo.